O Xulgado rexeita os recursos contra o peche da investigación do accidente do Alvia

O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago rexeitou os recursos de reforma interpostos contra o auto que ditou a finais do mes de setembro e no que dá por pechada a investigación do accidente do tren Alvia, sucedido o 24 de xullo de 2013. 

O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago rexeitou os recursos de reforma interpostos contra o auto que ditou a finais do mes de setembro e no que dá por pechada a investigación do accidente do tren Alvia, sucedido o 24 de xullo de 2013. No auto obxecto de recurso o xuíz ordena que a causa se siga contra o maquinista do tren e o director de Seguridade na Circulación de ADIF no momento de posta en funcionamento da liña, por se os feitos que se lles imputan fosen constitutivos de oitenta delitos de homicidio por imprudencia grave profesional e de 144 de lesións por imprudencia grave profesional.

 

O maxistrado explica que as últimas investigacións, realizadas tras a declaración dun extécnico de Talgo que dicía que vira como uns responsables da empresa ordenaban o borrado de rexistros, carecen de relevancia. Así, o instrutor recalca que “non existe o máis mínimo indicio de que o tren non estivese en condicións de circular, nin o máis mínimo indicio de que os defectos aos que alude o extécnico existisen ou non fosen arranxados antes de saír o tren e, menos aínda, do pretendido borrado informático”.

 

En canto á imputación do director de Seguridade na Circulación de RENFE cando sucederon os feitos, solicitada pola Plataforma Vítimas do Alvia 04155, o xuíz asegura que a súa responsabilidade “se cinxe ao material rodante e á formación do maquinista”, aspectos nos que “non consta que incorrese en incumprimento normativo e/ou técnico ningún”. O maxistrado salienta que a Dirección de Seguridade na Circulación de Renfe “cumpriu co seu labor, que non era outro que habilitar un material rodante tecnicamente adecuado e poñer aos seus mandos un maquinista debidamente formado e dotado das habilitacións profesionais legalmente esixibles”. O instrutor descarta que no sinistro “tivese incidencia un posible defecto do material rodante, da documentación do tren ou da formación e/ou habilitación do maquinista”.

 

“O único elemento que puido contribuír causalmente ao sinistro, ademais da imprudencia do propio maquinista, é unha incorrecta valoración do risco por fallo humano vinculado á infraestrutura da vía e, máis concretamente, ao subsistema de control, mando e sinalización, pero a xestión do dito risco compete en exclusiva a ADIF”, entende o xuíz, quen indica que, en caso de fallo humano, “realmente non existía unha segunda barreira de seguridade”. A quen lle competía avaliar ese risco e adoptar as medidas necesarias, segundo o auto, era a ADIF.

 

O instrutor tamén rexeita imputar o xerente da área de Seguridade na Circulación do Noroeste de ADIF. “É evidente que máis aló da denominación do seu cargo carece de ningunha competencia no ámbito da avaliación de riscos”, apunta o xuíz, quen sinala que non figura “en ningún dos documentos vinculados á seguridade na circulación e avaliación de riscos”.

 

Respecto do recurso presentado polo maquinista contra a súa imputación, o maxistrado argumenta que está xustificada porque “incumpriu a súa obriga esencial: respectar o cadro de velocidades máximas, e iso xerou un resultado catastrófico”. O instrutor sinala que o feito de que outros responsables de ADIF “incumprisen tamén presuntamente a súa obriga de realizar unha correcta avaliación dos riscos que puidese comportar melloras na infraestrutura ou no subsistema de control, mando e sinalización non exclúe a responsabilidade do maquinista nin o exonera da súa presunta responsabilidade na causación do sinistro”. Así, indica que se tivese respectase o cadro de velocidades “o accidente non se tería producido”.

 

Ademais dos recursos de reforma, que son os que se resolven no auto notificado hoxe, algunhas das partes implicadas no procedemento presentaron recursos de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña. Por iso, o xuíz instrutor acordou non tramitar os escritos de acusación ata que o auto de peche da investigación sexa firme.