A delegada territorial da Xunta reúnese co xuíz decano de Vigo

Vigo, 8 de outubro de 2020.- A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, trasladouse hoxe ata os xulgados da rúa Lalín para reunirse co xuíz decano, German Serrano.

Esta visita enmarcarse na rolda de contactos cos axentes sociais e económicos iniciada pola nova representante autonómica na área territorial de Vigo tras tomar posesión do cargo e que continuará nas vindeiras semanas.

Entre outras cuestións que afectan ao gremio xudicial, abordaron a conversión do antigo Hospital Xeral na futura Cidade da Xustiza unha das obras máis importantes que está a acometer a Xunta en Vigo, tal e como coincidiron en sinalar ambos.

Esta actuación conta cun investimento global que alcanza os 40 millóns de euros e vai permitir concentrar nun único lugar todas as dotacións xudiciais da cidade, recuperar para a cidade un inmoble senlleiro e dotar á Administración de Xustiza dun edificio simbólico e representativo, na maior dotación efectuada nunca en Galicia nunha infraestrutura xudicial, que dará servizo aos cidadáns da comarca para as vindeiras décadas. A previsión é que este finalizada no primeiro trimestre de 2021.

[Fonte: Xunta de Galicia]