A Xunta destaca as melloras aplicadas na Administración da Xustiza para adaptala á situación derivada da covid-19

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, destacou hoxe que máis de 780 xuíces, fiscais e letrados da Administración de Xustiza, 64 forenses e preto de 500 funcionarios puideron teletraballar durante o estado de alarma

Neste período asináronse máis de 300.000 sentenzas e resolucións de forma telemática, grazas a que o 90% dos xulgados teñen habilitada a sinatura dixital

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2020.- O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, destacou hoxe no Parlamento galego as melloras tecnolóxicas aplicadas á modernización da Administración de Xustiza para adaptala á situación derivada da covid-19.

Deste xeito, o Goberno galego, no marco da Comisión de seguimento da crise sanitaria por causa do coronavirus, en coordinación co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, acordou un protocolo para a celebración telemática das vistas e outro de cita previa que foron elaborados pola Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e validados polo Consello Xeral do Poder Xudicial.

Juan José Martín tamén indicou que desde que se decretou o estado de alarma debido á covid-19, un total de 780 xuíces, fiscais e letrados da Administración de Xustiza; 64 médicos forenses e case 500 funcionarios deste servizo puideron teletraballar grazas á activación de conexións tipo VPN por parte da Amtega coas que acceder ao escritorio remoto e ao teletraballo.

Ademais, debido a que o 90% dos xulgados teñen habilitada a sinatura dixital, a través a través da cal se poden asinar sentenzas e resolucións online coa mesma validez que en papel, durante o estado de alarma asináronse en liña e telemáticamente máis de 300.000 resolucións. Nesta liña, a admisión da entrada de escritos iniciais e de trámite por medios electrónicos mediante a ferramenta Lexnet, implantada en todos os órganos xudiciais, permitiu xerar ata o día de hoxe case 3 millóns de notificacións electrónicas.

Entre as medidas que a Xunta vén desenvolvendo para modernizar a Administración de Xustiza inclúese o uso do visor do Expediente Xudicial Electrónico para acceder aos expedientes xudiciais de forma electrónica, os sistemas de videoconferencias implantados en todos os xulgados galegos, a sinatura dixital e o sistema de gravación de vistas, ou a sede xudicial electrónica que permite a presentación de demandas monitorias por particulares.

[Fonte: Xunta de Galicia]