O vicepresidente reúnese co arquitecto da Cidade da Xustiza de Vigo para avaliar as consecuencias da crise sanitaria na obra

Mantense a previsión de ter rematados os principais traballos a finais de 2020, a pesar das dificultades engadidas causadas pola epidemia da covid-19

Vigo, 9 de xuño de 2020.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe en Vigo unha xuntanza co arquitecto encargado do proxecto da Cidade da Xustiza, Alfonso Penela, para coñecer o estado dos traballos e avaliar as consecuencias que tivo a crise sanitaria na execución da obra.

A pesar das dificultades engadidas causadas pola epidemia da covid-19, mantense a previsión de ter rematados os principais traballos a finais de 2020, Isto é, este ano remataranse todos os edificios externos (incluída a torre), a escola infantil, e as urbanizacións; e quedarían só pendentes parte dos revestimentos interiores

A pandemia de coronavirus e as restricións que se impuxeron para controlala derivaron en complicacións que afectaron á evolución normal das obras da Cidade da Xustiza, ao igual que sucedeu en calquera traballo de construción. A pesar disto, e tal e como explicou o arquitecto responsable da obra, os prazos puidéronse manter “grazas ao esforzo e compromiso” da construtora co proxecto.

Así, entre outras problemáticas, as obras da Cidade da Xustiza de Vigo tiveron que facer fronte a circunstancias como o freo total dos traballos durante parte do estado de alarma; os ERTE nas empresas subcontratadas; o problema coa subministración de materiais de empresas nacionais e de terceiros países que tamén están sufrindo a epidemia; ou as restricións do número de obreiros para garantir as medidas sanitarias.

Actualmente, están traballando nas obras 140 obreiros, que poderían chegar a ser 200 no verán, sempre que as medidas sanitarias o permitan.

[Fonte: Xunta de Galicia]