A Xunta investirá máis de 760.000 euros na mellora da eficiencia enerxética da delegación territorial e dos xulgados de Ourense

A previsión é adxudicar este mesmo mes os traballos do edificio da Xunta, que terán un orzamento de 410.000 euros

Esta semana tamén se sacará a licitación a mellora da eficiencia enerxética do edificio xudicial, cun investimento de 350.000 euros

Ourense, 9 de decembro de 2019.- A Xunta investirá máis de 760.000 euros en obras de mellora da eficiencia enerxética do edificio da delegación territorial e dos xulgados de Ourense.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, achegouse hoxe a Ourense para coñecer o proxecto destes traballos e o estado doutras actuacións postas en marcha no edificio da Administración autonómica. Estivo acompañado pola delegada da Xunta, Marisol Díaz Mouteira.

As actuacións de mellora da eficiencia enerxética do edificio da delegación territorial de Ourense disporán dun orzamento de 410.000 euros. A previsión é adxudicar os traballos este mesmo mes para que as obras comecen no primeiro semestre de 2020. Terán un prazo de execución de tres meses.

Ademais deste novo proxecto, estanse a habilitar outras melloras no edificio territorial. Así, por exemplo, xa están rematados os traballos no salón de actos, que permitiron mellorar a accesibilidade, instalar luces LED e mellorar todo o espazo en xeral. Investíronse máis de 40.000 euros. Unha contía moi similar á que se está a investir nos traballos de mellora da Oficina de Rexistro, xa moi avanzados, e que permitirán mellorar a climatización, eliminar os mostradores actuais e crear unha sala de espera, un sistema de distribución de quendas e postos de atención individualizada.

A Xunta tamén ten previsto outro importante investimento para mellorar a eficiencia enerxética dos xulgados de Ourense. Destinaranse uns 350.000 euros a estes traballos, grazas aos que se abrirán fiestras e se instalarán luces LED, entre outras melloras. Está previsto sacar estas obras a licitación esta mesma semana, coa intención de poder adxudicalas no segundo trimestre de 2020. Terán un prazo de execución de catro meses.

[Fonte: Xunta de Galicia]