A Xunta inicia este luns o traslado dos xulgados de Pontevedra ao novo edificio de A Parda

Os xulgados iranse trasladando de xeito escalonado para facilitar o normal funcionamento dos mesmos

Está previsto que o traslado de todas as unidades remate no mes de febreiro
 

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2019.- A Xunta iniciará este mesmo luns o traslado de distintos xulgados da cidade de Pontevedra ao novo edificio xudicial de A Parda. As unidades xudiciais iranse trasladando de xeito escalonado para facilitar o normal funcionamento dos mesmos.

Os traballos comezarán o luns, co inicio do traslado do Xulgado do Contencioso Administrativo nº1, seguido dos outros dous xulgados do contencioso-administrativo. A continuación, os catro xulgados do social, os dous do mercantil e os cinco de Primeira Instancia. Os últimos servizos en trasladarse serán os de Atención á Cidadanía e o Servizo Común de Actos de Comunicación e Execución (SCACE). Segundo as previsións, todas as unidades estarán trasladadas no mes de febreiro.

Nos últimos meses, a Xunta xa foi adiantando traballos como a instalación de mobiliario e sistemas de gravación nas salas de vistas para axilizar na medida do posible o traslado que comeza agora.

O novo edificio xudicial dispón dunha superficie de 23.000 metros cadrados para albergar 28 unidades xudiciais: así soluciona os problemas actuais de espazo e cubrirá a demanda, como mínimo, para os vindeiros 20 anos. A Xunta investiu na súa construción máis de 21 millóns de euros.

Nas súas seis plantas repartiranse diversos servizos: a planta baixa e a primeira albergarán o rexistro civil, as 16 salas de vistas, os despachos para avogados, procuradores e traballadores sociais ou o servizo común de actos de comunicación; e, no resto de plantas situaranse os xulgados. Ademais, conta con dous sotos cun aparcadoiro para os traballadores e cos arquivos.

Esta obra forma parte do Plan de Infraestruturas Xudiciais posto en marcha en 2010 para mellorar as instalacións existentes e prever as necesidades da planta xudicial galega no futuro. Neste período, a achega da Xunta a este plan superou os 115 millóns de euros, o maior investimento na Administración de xustiza, desde que a comunidade galega administra estas competencias.

Dentro deste Plan acometéronse distintas actuacións, como o novo edificio xudicial de Tui, inaugurado esta semana; os novos e xa en funcionamento xulgados de Santiago de Compostela, Ourense e a Fábrica de Tabacos da Coruña, ou o Servizo de Notificacións e Embargos de Vigo. Tamén se rehabilitaron outros en Ferrol, O Carballiño ou Viveiro. A Xunta tamén avanza na rehabilitación do antigo Hospital Xeral de Vigo onde se asentará a futura Cidade da Xustiza.
 

[Fonte: Xunta de Galicia]