Feijóo salienta que a Xunta está a desenvolver o 100% das medidas previstas para este ano dentro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero

“Todas as accións previstas para este ano están xa rematadas ou en execución agás unha, programada para levala a cabo antes de que remate o ano”, subliña

Detalla que Galicia ten executados ou en execución 4 de cada 5 euros do orzamento previsto neste 2019, é dicir, 13 millóns dos preto dos 16 millóns de euros

Adianta que en 2020 está previsto implementar un Plan estratéxico que avance cara á plena comunicación e coordinación entre as Administracións públicas, a posta en marcha de novos centros de acollemento ou o impulso da formación dos profesionais

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a Xunta está a desenvolver o 100% das medidas previstas para este ano dentro do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo detallou que Galicia ten executados ou en execución 4 de cada 5 euros do orzamento previsto neste 2019, é dicir, 13 millóns dos preto dos 16 millóns de euros. “Todas as accións previstas para este ano están xa rematadas ou en execución agás unha, programada para levala a cabo antes de que remate o ano”, explicou, recordando que, o pasado mes de marzo, o Goberno galego aprobou un plan de actuación para a implantación na Comunidade das medidas de competencia autonómica incluídas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero, onde se programaron un total de 65 medidas, das cales 38 son novas e 27 supuxeron reforzar ou ampliar medidas que a Xunta xa tiña en marcha.

Así mesmo, cómpre subliñar que a achega do Pacto de Estado contra a violencia de xénero é duns 8 millóns de euros anuais, pero nesta ocasión, ao consignado en 2019, sumouse gran parte do orzamento previsto para o ano anterior, xa que o crédito de 2018 non foi transferido polo Estado ata finais de ano. E as comunidades autónomas dispoñen ademais ata o mes de marzo para poder xustificar os fondos, polo que está previsto que se execute na súa totalidade o investimento previsto.

Ao longo da súa intervención, o titular do Executivo autonómico precisou que as 65 medidas encádranse nalgúns dos dez eixes do Pacto de Estado, sendo as máis numerosas as relacionadas coa sensibilización e prevención (26) e coa asistencia, axuda e protección das vítimas (15).

Feijóo confirmou que Galicia xa tiña implantadas con anterioridade unha boa parte das 115 medidas autonómicas que incluía o documento. Así, por exemplo é a única que tiña e ten en marcha prestacións periódicas a vítimas; conta cunha ampla rede de Centros de información á muller –un total de 82-; con 6 centros de acollida; e con case un cento de profesionais formados para a asistencia psicolóxica integral de mulleres vítimas e menores.

Ademais, tamén se puxeron en marcha medidas novidosas como: o apoio integral a menores orfos por violencia machista, a habilitación do apoio económico e social ás vítimas gravemente feridas e a posta en marcha das quendas de garda psicolóxica e social. E incorporáronse traballadores sociais ás oficinas de atención ás vítimas nos xulgados; habilitáronse axudas específicas ás entidades locais, ás Anpas e ás asociacións de mulleres; e púxose en funcionamento, por primeira vez, un programa de fomento da contratación para entidades locais e para empresas forestais e agrogandeiras que xa suman 65 postos de traballo.

“E sen dúbida o ano que vén seguiremos traballando”, sentenciou, aseverando que o obxectivo para 2020 e os anos seguintes é seguir reforzando e poñendo en marcha medidas nos ámbitos da sensibilización e prevención, pero tamén no apoio psicolóxico e social, no reforzo da rede de acollemento e das axudas ao alugueiro, na inserción laboral, na mellora da formación dos profesionais e da protección de menores, ou no traballo con menores agresores e na mellora no intercambio de información, entre outras accións.

Con esta finalidade, o presidente do Goberno galego avanzou que o vindeiro ano está previsto implementar: un Plan estratéxico que avance cara á plena comunicación e coordinación entre as diferentes Administracións públicas; a posta en marcha de novos centros de acollemento; o impulso da formación dos profesionais; o traballo cos menores agresores; e seguir promovendo medidas para loitar contra outras formas de violencia contra as mulleres como agresións sexuais, acoso ou trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual. “Penso que estamos a executar o programa con rigor”, concluíu.

[Fonte: Xunta de Galicia]