A Xunta pon en marcha hoxe os tres novos xulgados da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, visitou hoxe o Xulgado do Social nº 6 de Vigo no seu primeiro día en funcionamento

Estes tres Xulgados botan a andar na primeira data fixada polo Ministerio de Xustiza, completamente dotados de todos os medios materiais e humanos precisos

A ubicación do Xulgado vigués é provisional á espera de mudarse á nova Cidade da Xustiza cando estean rematadas as obras

Vigo, 30 de setembro de 2019.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe o novo Xulgado do Social número 6 de Vigo coincidindo coa súa posta en funcionamento, que contribuirá a axilizar a tramitación de asuntos e reducir a carga de traballo nesta xurisdición. Á visita tamén acudiron o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro.

O Ministerio de Xustiza asignou a Galicia para este ano tres xulgados, este número 6 do Social de Vigo, o Social número 4 de Santiago de Compostela na rúa Berlín e o Xulgado de Primeira Instancia número 14 da Coruña no edificio da antiga sede da Audiencia Provincial.

O Goberno central especificaba que a posta en marcha podía facerse de forma escalonada neste cuarto trimestre pero a Xunta solicitou que puidesen poñerse en marcha o antes posible debido á urxencia para a cidadanía. O Ministerio de Xustiza fixou o día de hoxe como primeira data posible para os novos xulgados creados a nivel nacional, entre os que figuran os tres de Galicia.

O Goberno galego habilitou estas instalacións co mobiliario e o equipamento informático necesarios para poder comezar a traballar. Neste Xulgado traballarán dez persoas entre o maxistrado, o letrado, dous xestores, catro tramitadores e dous auxilios. A súa ubicación está próxima aos edificios xudiciais da rúa Lalín e onde xa estivo o xulgado de Primeira Instancia bis de preferentes. Este espazo será provisional á espera de poder mudarse á nova Cidade da Xustiza cando remate a fase final da rehabilitación do antigo Hospital Xeral de Vigo, prevista para finais do verán de 2020.

[Fonte: Xunta de Galicia]