Feijóo reedita o compromiso da Xunta con Pontevedra coa entrega do novo edificio xudicial da Parda que dota á cidade de 23.000 m² máis para un mellor servizo e que beneficiará a todo o partido xudicial

Cunha achega de máis de 21 millóns de euros, destaca que esta obra solucionará os actuais problemas de espazo das unidades xudiciais da cidade

Resalta que este edificio forma parte do Plan de infraestruturas xudiciais, cuxo investimento superou na última década os 115 millóns, “o maior investimento feito na Administración de xustiza, desde que a Comunidade administra as súas competencias”

Refírese tamén ao importante esforzo que se está a realizar no equipamento informático para mellorar a xestión diaria da Xustiza a través do Plan Senda, dotado con 50M€

Asevera que nesta lexislatura os proxectos comprometidos coa cidade do Lérez estarán executados ou en execución, o que implica un investimento de máis de 200 millóns
 

Pontevedra, 3 de setembro de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reeditou hoxe o compromiso da Xunta con Pontevedra coa entrega do novo Edificio Xudicial da Parda que dota á cidade de 23.000 metros cadrados máis para un mellor servizo e que beneficiará a todo o partido xudicial, onde viven medio millón de persoas.

Durante a inauguración desta nova infraestrutura xudicial, Feijóo recordou a complexidade da obra que permitirá, entre outras cousas, solucionar os actuais problemas de espazo das unidades xudiciais da cidade. Así, e cun investimento de máis de 21 millóns de euros, polas súas seis plantas repartiranse diversos servizos: a planta baixa e a primeira albergarán o rexistro civil, as 16 salas de vistas, os despachos para avogados, procuradores e traballadores sociais ou o servizo común de actos de comunicación; e, no resto de plantas situaranse os xulgados con capacidade para 28, se ben inicialmente estarán activos 14 (5 de primeira instancia, 2 do mercantil, 4 do social e 3 do contencioso administrativo). Ademais de contar con dous andeis de soto cun aparcadoiro para os traballadores e cos arquivos, entre outras dependencias.

Ao longo do acto, o titular do Executivo autonómico lembrou que esta obra forma parte do Plan de infraestruturas xudiciais posto en marcha co obxectivo de mellorar as instalacións existentes e prever as necesidades estruturais da planta xudicial galega para o futuro. Un plan cuxo investimento superou xa, nesta última década, os 115 millóns de euros, “o maior investimento feito na Administración de xustiza, desde que a Comunidade galega administra as súas competencias”, abundou.

Se ben as infraestruturas son unha liña de actuación importante, Feijóo lembrou que non é a única que se está a abordar desde a Administración autonómica, referíndose ao importante esforzo que se está a realizar no equipamento informático para mellorar a xestión diaria da Xustiza, a través do Plan Senda que, cun investimento 50M€ fai posible que o 90% das salas de vistas dispoñan de sistemas de gravación de vistas con sinatura dixital e que, desde o ano 2017 a totalidade de sedes xudiciais da Comunidade dispoñan de sistemas de videoconferencia. “Ou que tamén estamos a apostar por un novo modelo máis avanzado de salas de vistas, que poden funcionar de xeito integramente dixital”, engadiu, precisando que Galicia conta xa con 10 e este ano incorporaranse 30 máis.

Ademais do eido tecnolóxico, o responsable autonómico resaltou o investimento no mobiliario xudicial, cun plan de renovación de aquí a 2021 de 4,7 millóns. “Para Pontevedra, entre este edificio que inauguramos hoxe e os dous xa existentes investiranse case 2 millóns de euros neste ámbito”, avanzou, referíndose tamén a aposta por novos modelos para resolver os procesos como a mediación intraxudicial nos procesos de familia, para o que xa se ten destinado case 1,5 millóns de euros.

Feijóo concluíu aseverando que nesta lexislatura os proxectos comprometidos coa cidade do Lérez estarán executados ou en execución, o que implica un investimento de máis de 200 millóns de euros. Así, ademais desta nova infraestrutura e do Edificio Administrativo de Benito Corbal, que xa están rematados, lembrou o compromiso no eido sanitario coa ampliación do Hospital Montecelo, coa aprobación a finais de xullo dun proxecto sectorial, dotado con preto de 140 millóns de euros. “E agardamos que a intermodal estea completada a finais de 2020”, engadiu.
 

[Fonte: Xunta de Galicia]