A Xunta destinou no primeiro semestre máis de 5,1 millóns de euros para financiar a asistencia xurídica gratuíta

Nos seis primeiros meses do ano estimáronse case 22.000 solicitudes

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2019.- A Xunta destinou no primeiro semestre do ano máis de 5,1 millóns de euros para financiar a asistencia xurídica das persoas que acreditaron insuficiencia de recursos. Con esta medida, o Goberno galego garante o dereito fundamental de acceso á xustiza de toda a cidadanía.

A Comisión de Asistencia Xurídica de Galicia estimou preto de 22.000 solicitudes nos seis primeiros meses do ano. A maioría delas, algo máis 13.400, correspondéronse á xurisdicción penal; seguida da xurisdicción civil, con 6.490 solicitudes estimadas. A continuación, aínda que con bastante diferenza, situáronse a xurisdicción social (943), menores (634), a contencioso-administrativa (466) e a militar (4). Para atender estas solicitudes, a Xunta destinou nos primeiros meses do ano algo máis de 5,1 millóns de euros.

Teñen dereito á asistencia xurídica gratuíta os cidadáns españois, dos Estados membros da Unión Europea e outros estranxeiros que residan legalmente en España, cando acrediten insuficiencia de recursos para litigar.

A Administración autonómica vén introducindo nos últimos anos melloras na xestión deste servizo, o que ten convertido a Galicia nunha comunidade que paga pronto e puntualmente as certificacións remitidas polos colexios profesionais de avogados e procuradores. Destaca, entre outros, a introdución de novas tecnoloxías para axilizar o pago das certificacións. En xaneiro do ano pasado, a Xunta aprobou unha reforma do regulamento da asistencia xurídica gratuíta para adaptala ás últimas reformas lexislativas. Grazas a isto, afondouse no tratamento electrónico das certificacións e da presentación de solicitudes; na simplificación do trámite da revogación das resolucións denegatorias; e na inclusión como beneficiarios da asistencia xurídica gratuíta ás vítimas de terrorismo, trata, menores e persoas con discapacidade vítimas de abuso ou maltrato.

Ademais de acadar unha xestión máis eficiente, tamén mellorou a colaboración a nivel orzamentario. Neste sentido, cómpre destacar que en 2017 asinou un acordo co Consello da Avogacía galega para incrementar as compensacións económicas destinadas aos colexios de avogados e procuradores, situando a Galicia á cabeza de España no referente ás remuneracións dos letrados da quenda de oficio.

[Fonte: Xunta de Galicia]