A Xunta reforza a seguridade dos xulgados de Caldas de Reis con novas cámaras e sistemas de gravación

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, visitou hoxe as instalacións para comprobar as melloras realizadas

A actuación inscríbese nun plan de mellora da seguridade das instalacións xudiciais galegas

Caldas de Reis (Pontevedra), 20 de agosto de 2019.- O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, acompañado polo xefe territorial da Consellería de Presidencia en Pontevedra, Ramón Piñeiro, visitou hoxe os xulgados de Caldas de Reis para coñecer de primeira man as melloras acometidas pola Xunta destinadas a reforzar a seguridade destas instalacións. As actuacións supoñen un investimento de 12.000 euros e inclúen a instalación dun novo sistema CCTV, dotado de seis cámaras (cinco interiores e unha exterior), un monitor de 19 polgadas, un gravador, dous discos duros e un Sistema de Alimentación Ininterrumpida (SAI).

A Xunta está a realizar un esforzo moi importante para mellorar os recursos a disposición da Administración de Xustiza en Galicia. Así, en 2010 aprobou un ambicioso Plan de Infraestruturas Xudiciais, que supuxo o investimento de máis de 100 millóns de euros para acometer tanto grandes proxectos como outras obras, de menor magnitude, pero moi relevantes de cara a mellora das instalacións.

Agora, o Goberno galego está a completar este Plan cun proxecto de renovación do mobiliario, para o que prevé un investimento duns cinco millóns de euros ata 2021 destinados á instalación de armarios compactos móbiles nos edificios xudiciais das sete cidades e á sustitución do mobiliario en mal estado de oficinas e despachos. A Xunta tamén traballa nun proxecto de mellora da seguridade nos edificios xudiciais, que inclúe actuacións como a visitada hoxe en Caldas de Reis.

No marco deste último proxecto, iniciouse unha primeira fase para a instalación ou renovación das cámaras de vixilancia nun total de 16 edificios xudiciais en Galicia, cun investimento superior aos 200.000 euros. Estas primeiras instalacións, xa rematadas, comprenderon tanto edificios xudiciais das cidades da Coruña, Santiago, Lugo, e Pontevedra, como edificios dos partidos xudiciais das vilas con maior número de órganos xudiciais, como é o caso de Betanzos, Carballo, Cangas, Vilagarcía, Cambados, Porriño e Ponteareas, e o que será o novo edificio de Tui.

Na segunda fase estanse a abordar a instalación do sistema CCTV nos edificios dos partidos xudiciais con maior poboación e que contan con dous xulgados co obxectivo de que as principais sedes xudiciais de Galicia dispoñan destes sistemas de seguridade.

[Fonte: Xunta de Galicia]