A Xunta destaca os avances na obra de rehabilitación da nova Cidade da Xustiza en Vigo e mantén o prazo de finalización previsto

Ambos representantes autonómicos subliñaron que a de Vigo é a maior aposta feita por un Goberno galego na mellora das infraestruturas xudiciais

Porro celebrou a decisión de localizar os novos xulgados no vello 'Pirtulí', “un edificio que forma parte da nosa memoria colectiva e que debuxa o ceo desde 1955”

A delegada territorial fixo especial fincapé na incorporación ao proxecto dunha escola infantil con 41 prazas, na que terán prioridade os fillos do persoal de xustiza

“Un edificio moderno, con capacidade para acoller a 35 unidades xudiciais e no que desde un primeiro momento traballarán 500 profesionais”, apuntou

Vigo, 30 de xullo de 2019.- O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e a delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, destacaron hoxe os avances na obra de rehabilitación da nova Cidade da Xustiza en Vigo, que mantén os prazos de finalización previstos para agosto do 2020. A maior aposta feita por un Goberno galego na mellora das infraestruturas xudiciais, subliñaron, cun investimento de preto de 40 millóns de euros.

Na súa intervención, previa á visita que realizaron hoxe acompañados polo arquitecto do proxecto, Alfonso Penela, representantes dos colectivos que traballan no ámbito da xustiza e da empresa construtora, Porro celebrou a decisión de localizar no vello “Pirulí” as novas dotacións xudiciais. “Un edificio que forma parte da nosa memoria colectiva e que debuxa o ceo desde 1955”, dixo.

A futura edificación, segundo detallou, contará con capacidade para acoller 35 unidades xudiciais (máis outras 22 a futuro) e nela traballarán desde un primeiro momento 500 profesionais. Unhas instalacións amplas e funcionais, coa comodidade que supón para empregados e usuarios que nun mesmo complexo se atopen as diferentes instancias xudiciais que poidan intervir nos diferentes procedementos. Así, tras sinalar que a Xunta de Galicia dá con este proxecto cumprimento a outro dos compromisos coa cidade de Vigo, fixo especial fincapé na incorporación ao proxecto dunha escola infantil con 41 prazas, na que terán prioridade os fillos do persoal de xustiza.

Asemade, a delegada territorial destacou a importancia da recuperación dun espazo público como este no centro da cidade, contiguo a un barrio populoso como San Roque, “onde a actividade comercial e o encontro cidadá será posible”.

Durante a visita, os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man a zona da praza pública e de pilotaxe, os espazos da futura sala de xuntas (antiga capela) e o despacho piloto localizado actualmente no duodécimo andar. Xa por último, puideron gozar das vistas da cidade desde o miradoiro onde se localizará unha zona de descanso.

Por parte do colectivo xudicial, participaron na visita o presidente en funcións do TSXG, Antonio Jesús Outeiriño Fuente; o xuíz decano de Vigo, Germán Serrano Espinosa; o fiscal xefe provincial, Juan Carlos Aladro Fernández; a fiscal xefa de área de Vigo, Susana García-Baquero Borrell; a secretaria de Goberno do TSXG, Concepción Otero Piñeiro; o secretario coordinador de Pontevedra, José Tronchoni Albert, e o presidente da xunta de persoal, Xosé Barreiro Pérez. Ana Riera Táboas, médico forense da subdirección territorial do Imelga de Vigo; a decana do Colexio de Avogados de Vigo, María Lourdes Carballo Fidalgo; o decano do Colexio de Procuradores de Vigo, José Antonio Fandiño Carnero, e o decano do Colexio de Graduados Sociais de Pontevedra, Raúl Eugenio Gómez Villaverde, estiveron tamén presentes durante o percorrido.

Esta actuación enmárcase no Plan de infraestruturas xudiciais posto en marcha pola Xunta e dotado con preto de 100 millóns de euros, dos que 40 millóns corresponden a Cidade da Xustiza de Vigo, e que permite levar a cabo actuacións fundamentais e moi necesarias nas grandes sedes xudiciais galegas.

[Fonte: Xunta de Galicia]