A Xunta e o Colexio de Procuradores de Vigo manteñen un encontro de traballo

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse hoxe co decano co Colexio de Procuradores de Vigo, José Antonio Fandiño

Vigo, 29 de xullo de 2019.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe unha xuntanza co decano do Colexio de Procuradores de Vigo, José Antonio Fandiño, para abordar a súa demanda de acometer unha modificación legal que posibilite a intervención dos procuradores en materia de comunicacións xudiciais e execución de resolucións, co obxectivo de axilizar os prazos e prestar un mellor servizo á cidadanía.

Trátase dunha reclamación común de todos os procuradores a nivel de España e que requeriría dunha modificación da lei procesal, de competencia estatal.

Durante a reunión tamén avaliaron o estado da litixiosidade dos órganos xudiciais de Vigo dentro do contexto autonómico, facendo especial fincapé en materia de execución. Ao abordar este punto, tamén se valorou positivamente os efectos do Plan de recuperación impulsado pola Xunta tras a folga na Administración de Xustiza durante 2018.

Tras a folga, a Xunta puxo en marcha o Plan de recuperación entre o mes de xuño e xullo do ano pasado. En outubro de 2018 comezou a segunda fase, que se estendeu ata o 31 de decembro. En abril, deste ano, púxose en marcha a terceira fase, que rematou en xuño. Con esta planificación, chegouse á totalidade dos órganos xudiciais: xulgados, rexistros, servizos comúns de actos de comunicación e execución, audiencias provinciais, ou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

[Fonte: Xunta de Galicia]