Feijóo anuncia que a Xunta autoriza aos servizos xurídicos a persoarse no proceso civil iniciado para a recuperación do Pazo de Meirás

Lembra que en xuño de 2018 se aprobou unha PNL no Parlamento galego para instar ao Goberno central a realizar as accións legais oportunas para recuperar o Pazo de Meirás

Tras case un ano sen resposta, a Cámara galega aprobou outra PNL para que a Xunta lembrase ao Goberno central que cumprira con esta petición

Feijóo resolveu que o Goberno galego cumpre cos compromisos acadados e celebrou que o Goberno de España aceptara unha proposta feita pola Xunta, validada polo Parlamento galego e con unanimidade nos seus plantexamentos

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2019.- O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que o Consello da Xunta aprobou hoxe autorizar aos servizos xurídicos do Goberno galego a persoarse como parte do proceso civil iniciado pola Administración Xeral do Estado no xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña.

En 2017, relatou Feijóo, o Parlamento galego encomendou á Xunta a creación dunha comisión para estudar este tema. Menos dun ano despois, concretamente en xuño de 2018, o Goberno galego remitiu o informe da Comisión á Cámara galega e, posteriormente, se aprobou unha Proposición Non de Lei para instar ao Goberno central a realizar as accións legais oportunas para reintegrar o Pazo de Meirás ao patrimonio público. Ademais, sinalaba que non debía supoñer un custe para os cidadáns.

O titular do Goberno galego tamén explicou que, ese mesmo mes de xuño, a Administración autonómica remitiu unha carta á ministra de Xustiza porque comprendía que había causa documental e xurídica para reintegrar o Pazo de Meirás ao patrimonio público.

Tras case un ano sen resposta, o Parlamento galego aprobou outra Proposición Non de Lei para que, deste xeito, a Xunta lembrase ao Goberno central que cumprira con esta petición. Así as cousas, Feijóo destacou que, cando a semana pasada o Goberno central presentou nos xulgados da Coruña unha demanda para reclamar a devolución deste ben, a primeira valoración dos servizos xurídicos da Xunta subscribía que era posible persoarse neste proceso e que, se efectivamente se confirmaba esa valoración inicial, o Goberno galego o faría. Finalmente, o presidente do Goberno galego confirmou esta autorización aprobada este mesmo xoves polo Consello da Xunta.

Por último, Feijóo subliñou que a Administración galega cumpre deste xeito cos compromisos acadados e, ao mesmo tempo, celebrou que o Goberno de España aceptara unha proposta feita pola Xunta, validada polo Parlamento galego e con unanimidade nos seus plantexamentos.

[Fonte: Xunta de Galicia]