A Comisión Superior de Dereito Civil amósase favorable a regular a atribución dos bens abandonados e sen dono a favor de Galicia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe o pleno deste órgano consultivo, o que asistiu o conselleiro de Medio Rural, José González

Tamén se acordou constituír os grupos de traballo de estudo sobre dereitos reais e contratos, unións de feito, e sucesións

Forman parte da Comisión representantes do Consello da Cultura galega, avogacía, notarios, procuradores, rexistradores, universidades e TSXG, entre outros

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2019.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidiu hoxe a reunión do pleno da Comisión Superior para o estudo do desenvolvemento do Dereito Civil galego, a quen tamén acudiu o conselleiro de Medio Rural, José González. Na reunión aprobouse un ditame favorable a regular a atribución da titularidade dos bens vacantes en favor da Comunidade Autónoma galega. Na pasada reunión do 14 de marzo, o conselleiro de Medio Rural solicitou ditame a dita comisión sobre esta iniciativa reguladora que afecta a titularidade dos bens abandonados sen dono coñecido.

A conclusión do ditame, que foi elaborado pola ponencia técnica que coordina o Catedrático da UDC José Manuel Busto, foi remitido a todos os membros da Comisión no mes de maio, para que hoxe fora sometido a debate e posterior aprobación por parte da Comisión. Polo tanto, as conclusións deste ditame serán trasladadas á futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, na que traballa a Xunta xunto co Grupo Parlamentario Popular.

Por outra banda, comunicouse a Comisión a integración dos diferentes compoñentes dos grupos de traballo, formados por un coordinador e diferentes colaboradores. Eles serán os encargados de revisar a aplicación do dereito vixente na nosa comunidade e propoñer os desenvolvementos precisos. Serán tamén temas de estudo, contratos e demais dereitos reais, unións de feito; e as sucesións.

A Xunta volveu poñer en marcha o pasado marzo a Comisión Superior para o estudo do desenvolvemento do Dereito Civil Galego para analizar os principais problemas e necesidades que ten hoxe en día esta materia e tomarlle o pulso á Lei de Dereito Civil de Galicia, cuxa última modificación tivo lugar no ano 2006. A Comisión Superior de Dereito Civil Galego é o órgano consultivo encargado de realizar estudos e emitir ditames e informes sobre o Dereito Civil galego, unha materia que regula aspectos tan importantes na vida diaria dos galegos como a protección de menores, os montes en man común, as servidumes de paso ou os testamentos e os pactos sucesorios, entre outras cuestións.

Forman parte da Comisión por parte da Xunta o Vicepresidente da Xunta; a secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia; o director xeral de Xustiza; o director da Asesoría Xurídica e ase mesmo, están representados no órgano o Consello da Cultura Galega, o Consello de Avogacía de Galicia, o Consello Galego dos Procuradores, o Colexio Oficial de Rexistradores da Propiedade, o Colexio Notarial de Galicia, a Academia de Xurisprudencia e Lexislación, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e as Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

[Fonte: Xunta de Galicia]