Xunta, avogados, psicólogos, o CXPX e Fiscalía poñen en marcha de novo o servizo de mediación intraxudicial de Vigo

A mediación supón un recurso moi beneficioso tanto para particulares como para a propia Administración de Xustiza

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2019.- A Xunta, o Colexio de Avogados de Vigo, o Colexio Oficial de Psicoloxía, o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) e o Ministerio Fiscal poñen en marcha de novo o servizo de mediación intraxudicial de Vigo.

Así o adiantou hoxe o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, nun acto de presentación deste acordo no que estivo acompañado pola decana do Colexio de Avogados de Vigo, Lourdes Carballo; a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Rosa Álvarez; a fiscal xefe de Vigo, Susana García-Baquero; e o xuíz decano, Germán Serrano.

A finais do ano pasado asinouse por vez primeira este convenio de colaboración, que segue o mesmo modelo que se aplica na maioría de cidades galegas que contan con este servizo. Este ano volverase a asinar de novo.

Para este exercicio estará dotado con 40.000 euros, que financiarán o custo das mediacións que se deriven ao abeiro do convenio durante todo o ano. Serán os órganos xudiciais os encargados de realizar as derivacións, mentres que o Colexio Oficial de Psicoloxía e o de Avogados designarán aos mediadores de entre os profesionais inscritos no Rexistro de Mediadores Familiares de Galicia.

A mediación intraxudicial supón importantes beneficios, tanto para os particulares como para a Administración de Xustiza. No caso dos particulares, permite restablecer vías de diálogo interrompidas e rebaixar a conflitividade, o que resulta de especial relevancia naqueles casos nos que é preciso manter unha relación futura entre as partes. Por outra banda, é tamén importante para a Administración de Xustiza, tendo en conta a crecente xudicialización do ordenamento, o que supón unha carga adicional para a Administración de Xustiza.

A Xunta comezou no ano 2009 o proxecto piloto de mediación intraxudicial en Santiago de Compostela, que posteriormente se foi estendendo ao resto das cidades. Desde ese ano e ata 2018, o Goberno galego investiu uns 1,5 millóns de euros neste servizo a nivel autonómico.

[Fonte: Xunta de Galicia]