Galicia acolleu na última década ao redor de 150 xuízos con xurado popular

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, explicou hoxe no Parlamento galego como se organizan e xestionan este tipo de xuízo

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2019.- Galicia acolleu na última década ao redor de 150 xuízos con xurado popular. Para a organización e xestión deste tipo de xuízos, a Xunta encárgase exclusivamente da provisión de medio materiais, seguindo sempre o que lle comunica o órgano xudicial competente en cada caso.

Así o explicou hoxe o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, en resposta a unha pregunta parlamentaria, onde precisou que estes xuízos desenvólvense normalmente sen ningún tipo de incidencia.

Respecto a posibles problemas xurdidos nalgún xuízo puntual, o vicepresidente lamentou as incomodidades que puidera ter sofrido o xurado e avanzou que están a ter lugar reunións entre representantes da Xunta, responsables xudiciais e dos letrados ao servizo da Administración da Xustiza para mellorar a coordinación e comunicación.

[Fonte: Xunta de Galicia]