O Instituto de Medicina Legal de Galicia realizou en 2018 máis de 25.400 informes periciais médicos, psicolóxicos e sociais

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e a directora do IMELGA, Beatriz Otero, presentaron hoxe en rolda de prensa a memoria correspondente ao ano pasado

A materia de familia segue constituíndo o núcleo central dos traballos periciais psicolóxicos

O servizo de Patoloxía Forense realizou un total de 1.972 autopsias: 1.060 de morte natural e 912 de morte violenta

En morte natural, a causa máis común foi a patoloxía cardiovascular; e en morte violenta, as accidentais

En 2018 aumentaron o número de vítimas en accidentes de circulación nun 20% con respecto ao ano anterior: a maioría foron homes

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2019.- O Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) realizou durante 2018 un total de 25.437 informes periciais médicos, psicolóxicos e sociais. A maioría correspondéronse coa área médica (22.301), seguidos da psicolóxica (1.760) e social (1.376).

Así o detallaron hoxe o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e a directora do Imelga, Beatriz Otero, durante a presentación en rolda de prensa da memoria correspondente ao ano 2018 deste Instituto.

No caso da pericia médica, a maioría das actuacións relacionáronse co valoración física ou psicofísica. Estas valoracións realízanse en casos relacionados con agresións, lesións laborais, de tráfico, estados de saúde, capacidade laboral ou minusvalía. A continuación, sitúanse as pericias en psiquiatría forense (incapacidade, internamento, drogradicción) e outras, como as que se realizan dentro da valoración integral da violencia de xénero, que inclúe tamén as probas psicolóxicas e sociais.

A pericia psicolóxica, como vén sucedendo en anos anteriores, centrouse tamén en 2018 nas actuacións psicosociais en materia de familia, que supoñen o 72,25% da carga de traballo desta área. A continuación, pero con moita diferencia, sitúanse as valoracións propiamente psicolóxicas, como son as de credibilidade de testemuño en menores vítimas de abuso sexual, de dano psicolóxico ou da personalidade.

Pola súa banda, a pericia social centra case a totalidade da súa actividade nas pericias conxuntas: ben en asuntos de familia, xunto coa pericia psicolóxica (85,92%) ou ben dentro das valoracións integrais de violencia de xénero (12,4%).

Patoloxía forense

O Servizo de Patoloxía Forense encárgase de todas as pericias que teñen por obxecto coñecer a causa e circunstancias da morte nos casos de morte violenta ou sospeitosa de criminalidade. En 2018 incrementouse nun 7,1% a actividade deste servizo, ao realizar un total de 1.972 autopsias.

No caso de morte natural (1.060 autopsias), a patoloxía máis numerosa foi a cardiovascular, que supuxo o 70,84% do total. Nestes casos a morte preséntase de forma rápida e inesperada, sen asistencia médica, polo que en moitas ocasións derívanse á investigación xudicial aínda que non haxa sospeita de criminalidade.

Pola súa banda, o grupo máis importante de mortes violentas -un total de 912- foron as accidentais (615), que inclúen as ocasionadas por accidentes de tráfico, laborais ou fortuítos. A continuación, dentro das mortes violentas, sitúase o suicidio (288), que por primeira vez en sete anos descende dos 300 casos, o que en termos porcentuais se traduce nun descenso do 11,11%. Neste caso concreto, as vítimas principais continúan sendo homes, cunha idade mínima de 18 anos e máxima de 97 anos. Por último, dentro do capítulo de mortes violentas, sitúanse as causadas por homicidio, un total de 9 en 2018.

Vítimas de accidentes de tráfico

O IMELGA realiza un estudo específico das vítimas mortais en accidente de tráfico. En 2018 foron un total de 138 persoas, o que supón un incremento do 20% en relación a 2017, cando foron 115.

Segundo os datos, as vítimas máis numerosas continúan sendo homes (79,98%), fronte ás mulleres (21,01%). A diferencia entre sexos non se limita tan só á cifra, senón que tamén se traslada ás modalidades do sinistro: a maioría das mulleres faleceron por causa de atropelos ou circulaban como ocupantes, xa que as condutoras foron só o 27,58% das mulleres mortas. Pola contra, o 69,72% dos homes falecidos eran condutores. Por idade, a mortalidade en accidentes de tráficos ascendeu especialmente nas franxas de 35-39 anos e 65-74 anos.

En canto á modalidade do accidente, a saída da vía e a colisión entre vehículos foron as causas máis frecuentes. Ademais, atopouse alcohol ou drogas en 40 dos falecidos.

O Imelga

O Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) concentra a pericia pública oficial médico-legal, de psicoloxía e de traballo social forense. Dispón de sete subdireccións: A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela. Entre o seu persoal, conta con médicos forenses, psicólogos, traballadores sociais, funcionarios administrativos e auxiliares de autopsia.

[Fonte: Xunta de Galicia]