A Xunta investirá máis de 750.000 euros en melloras de eficiencia enerxética nos xulgados de Santiago de Compostela

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, achegouse hoxe ata o edificio xudicial da Rúa Viena, onde se acometerán as obras

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2019.- A Xunta investirá máis de 750.000 euros nas obras de mellora de eficiencia enerxética do edificio xudicial da Rúa Viena en Santiago de Compostela, a través das que se instalará novo alumeado, climatización e calefacción.

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, realizou hoxe este anuncio durante a súa visita a este edificio, na que explicou que estes traballos se inscriben dentro do Plan de mellora de eficiencia enerxética que a Xunta de Galicia ten posto en marcha nos edificios da súa competencia. O Plan, que se iniciou en 2015, está cofinanciado pola Unión Europea.

En concreto, neste edificio xudicial de Santiago de Compostela procederase á substitución da totalidade do alumeado por novos equipos LED de alto rendemento, ademais de que se instalarán sensores de presenza en zonas de uso ocasional, como corredores ou aseos.

Ademais, climatizaranse as plantas 3ª e 4º do edificio e retirarase unha caldeira de gasoil para instalar unha nova de biomasa, con mellor rendemento e menor emisión de dióxido de carbono.

Está previsto que os traballos comecen a finais deste mes de marzo e teñen un prazo de execución previsto de 4 meses.

Estes non son os únicos traballos de mellora no edificio. En 2017 xa se realizaron obras na terceira planta para adaptala para ser usada pola Fiscalía de área de Santiago de Compostela. Investíronse algo máis de 46.000 euros en crear 15 despachos, salas de reunións, espazo para funcionarios e un arquivo. Do mesmo xeito, adaptouse o lugar que deixou libre a Fiscalía a través dun investimento duns 17.000 euros para que acollera ao Imelga e ao Decanato.

[Fonte: Xunta de Galicia]