A Xunta inviste 165.000 euros na mellora da eficiencia enerxética dos xulgados de Chantada

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, anunciaron novas melloras na envolvente e no sistema de iluminación

Chantada (Lugo), 12 de febreiro de 2019.- A Xunta de Galicia investirá un total de 165.000 euros nos traballos de mellora da eficiencia enerxética nos edificios dos xulgados de Chantada. Ao investimento xa realizado na instalación da caldeira de biomasa, sumarase agora a substitución de todas as fiestras e a instalación dun novo sistema de iluminación

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, e delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, achegáronse hoxe ata as instalacións xudiciais para explicar os novos traballos que se acometerán e que permitirán acadar no seu conxunto unha porcentaxe de redución do consumo enerxético dun 20 por cento en relación coa situación actual.

A Xunta acomete esta intervención para mellorar o confort das instalacións para os traballadores e usuarios, e reducir o consumo enerxético, evitando así emisións contaminantes para o medio ambiente.

A Administración autonómica xa dotara no seu momento a estes xulgados dunha caldeira de biomasa, grazas a un investimento de preto de 52.000 euros, o que permite uns aforros anuais en combustible de 4.000 euros.

A partir de agora, procederase tamén á substitución das fiestras -un total de 116- por outras de PVC, que melloran sensiblemente os coeficientes de transmisión térmica das anteriores. Igualmente, substituiranse as lámpadas e luminarias por outras de tecnoloxía LED, de forma que a iluminación proporcione o confort visual necesario para o desenvolvemento das actividades previstas no edificio asegurando un consumo eficiente de enerxía. Ambas actuacións disporán dun orzamento duns 112.000 euros.

Estes traballos enmárcanse no Plan de mellora da eficiencia enerxética nos edificios da Xunta para o período 2015-2020, e que inclúe aos edificios xudiciais. Este Plan está cofinanciado con fondos da Unión Europea, a través dos fondos FEDER.

[Fonte: Xunta de Galicia]