As asociacións de Pontevedra coñecen de primeira man os espazos que ocuparán na reforma do edificio de Benito Corbal

As dúas plantas que ocuparán os colectivos, de máis de 600 metros cadrados cada unha, terán 26 despachos e unha sala de reunións modulable

O amplo interese despertado pola iniciativa obrigou a realizar dúas quendas de visita ás obras, que estarán finalizadas no primeiro trimestre de 2019

As bases para solicitar espazos publicaranse antes de que remate o ano, e haberá un prazo de dous meses para presentar a solicitude
 

Pontevedra, 29 de novembro de 2018.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, guiou hoxe ás asociacións de Pontevedra nunha visita ás obras de Benito Corbal na que puideron comprobar de primeira man a marcha dos traballos e os espazos reservados na reforma do edificio.

Os colectivos ocuparán dúas plantas do inmoble (terceira e cuarta), de máis de 600 metros cadrados cada unha. A previsión é que se habiliten 26 despachos e unha sala de reunións modulable que poida ser utilizada polos beneficiarios dos espazos. O amplo interese despertado pola visita obrigou a realizar dúas quendas de representantes de asociacións.

Os locais van cubrir un déficit existente en Pontevedra co obxectivo de dar maiores facilidades ás asociacións e ao imporante labor que desenvolven para conseguir que a cidade avance.

A previsión é que as bases para solicitar espazos se publiquen antes de que remate o ano, cun prazo de dous meses para presentar a solicitude. Deste modo, o período de adxudicación coincidirá co final da obra e poderanse optimizar os tempos.

A reforma do edificio, cuxos traballos rematarán previsiblemente no primeiro trimestre do 2019, forma parte da lexislatura histórica que a Xunta de Galicia está a desenvolver en Pontevedra, con proxectos que supoñen un investimento global de máis de 200 millóns de euros.

Os case 6.000 metros do edificio situado no centro da cidade de Pontevedra albergarán nas súas tres primeiras plantas as oficinas de emprego, que ata agora estaban alugadas noutros dous locais. Nas plantas terceira e cuarta estarán os despachos das asociacións, mentres que as catro plantas restantes estarán a disposición da Universidade de Vigo. O investimento global é de case cinco millóns de euros.

Entre as principais novidades, a remodelación integral do inmoble incluirá a substitución da fachada por un revestimento de aluminio. Tamén se cambia a carpintería metálica por outra con dobre acristalamento. A remodelación incluirá distintas actuacións no eido da eficiencia enerxética, co obxectivo de reducir nun 70% o custo de mantemento en calefacción e iluminación do edificio.

[Fonte: Xunta de Galicia]