Xunta e TSXG ultiman a segunda fase do Plan de recuperación nos xulgados galegos

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas, participaron esta maña na reunión da Comisión Mixta

Nesta segunda fase do Plan é completamente imprescindible a implicación do Ministerio de Xustiza en canto á dotación económica para que tanto xuíces, letrados e fiscais poidan participar
 

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2018.- A Xunta e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ultiman a segunda fase do Plan de recuperación nos Xulgados galegos tras poñer ao día a práctica totalidade dos asuntos pendentes nos rexistros e notificacións.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas, participaron na reunión da Comisión Mixta onde analizaron os datos recadados polo Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia da pendencia rexistrada nos xulgados galegos para por xa en marcha esta segunda fase do Plan de recuperación do traballo.

Nesta segunda fase do Plan, Xunta e TSXG consideran completamente imprescindible a implicación do Ministerio de Xustiza en canto á dotación económica para que xuíces, letrados e fiscais poidan participar no proceso. Así o trasladará o vicepresidente a vindeira semana ao secretario de Estado de Xustiza esperando contar coa colaboración do Ministerio, tal e como se tiña comprometido o anterior goberno do Estado.

O Goberno galego encargarse de dotar orzamentariamente os reforzos en materia de persoal ao servizo da Administración de Xustiza para recuperar o traballo perdido na folga, tal e como fixo na primeira parte do Plan. O obxectivo é que o 1 de outubro esta segunda fase do plan estea xa en marcha.

 

[Fonte: Xunta de Galicia]