A Policía Autonómica leva a cabo 69 inspeccións para velar polo cumprimento da Lei de prevención de bebidas alcohólicas en menores

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a comunidade galega

Foron identificadas 64 persoas e levantáronse 30 actas de infracción, a maioría por consumo de alcol

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2018.- Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo entre o 25 de xuño e o 2 de xullo un total de 69 inspeccións de control en 14 concellos galegos.

Por parte dos distintos Grupos de Menores da Policía Autonómica da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo nesta pasada semana realizáronse 30 dispositivos de control de menores en risco de desamparo (absentismo escolar e consumo de alcohol/tabaco e drogas en menores de idade), nos concellos da Coruña, Ames, Celanova, Covelo, Lousame, Lugo, Ourense, Ponteareas, Pontevedra, Santiago de Compostela, Sanxenxo, Teo, Tui e Vigo.

Como resultado do dispositivo levado a cabo, foron identificadas 64 persoas e inspeccionadas 69 zonas de ocio, locais e centros comerciais. Levantáronse 30 actas de infracción: 24 por consumo de alcol e 6 por venda de alcol.

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a Comunidade Galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.

Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.

[Fonte: Xunta de Galicia]