Os colexios de avogados de Galicia reciben máis de 2,1 millóns de euros polas súas actuacións na quenda de oficio no primeiro trimestre deste ano

Cada ano, a Xunta destina unha media de 11 millóns de euros para garantir o servizo e o pasado ano foi asinado un acordo co Consello da Avogacía Galega polo que se incrementaron as retribucións nesta materia nun 10 por cento

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2018.- A Xunta vén de rematar o pasado día 3 de maio o aboamento do primeiro trimestre deste ano aos avogados galegos da quenda de oficio, que percibiron un total de 2.105.185 euros polas actuacións realizadas durante ese período de tempo.

No relativo ao pagos aos avogados da quenda de oficio, o Colexio que máis percibiu foi o de A Coruña con 521.543 euros, seguido de Pontevedra con 516.701 euros; Vigo con 404.269 euros; Ourense con 281.454 euros; Santiago de Compostela con 256.644 euros; Lugo con 224.990 euros e o Colexio de Ferrol con 181.035 euros.

A celeridade demostrada no pago, unha vez os colexios de avogados certifiquen debidamente as súas actuacións, foi unha das medidas que tomou o novo Goberno desde o primeiro momento ao considerar a importancia deste servizo de asistencia xurídica gratuíta, fundamental para garantir a igualdade de condicións de todos os cidadáns no acceso á Xustiza.

Hai que lembrar que cada ano, a Xunta destina unha media de 11 millóns de euros para garantir o servizo e o pasado ano foi asinado un acordo co Consello da Avogacía Galega polo que se incrementou as retribucións nesta materia nun 10 por cento.

[Fonte: Xunta de Galicia]