A Policía autonómica leva a cabo 153 inspeccións para velar polo cumprimento da Lei de prevención de bebidas alcohólicas en menores

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a comunidade galega

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2018.- Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo entre o 30 de abril e o 6 de maio un total de 153 inspeccións de control en 13 concellos galegos.

Por parte dos distintos Grupos de Menores da Policía Autonómica da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago nesta pasada semana, realizáronse 33 dispositivos de control de menores en risco de desamparo (absentismo escolar e consumo de alcohol/tabaco e drogas en menores de idade), nos concellos da Coruña, Ames, Arteixo, Ferrol, Ordes, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Baiona, Mos Pontevedra, Tui e Vigo.

Como resultado do dispositivo levado a cabo, foron identificadas 46 persoas e inspeccionadas 153 zonas de ocio, locais e centros comerciais. Levantáronse 17 actas de infracción, das cales 16 foron por venda de alcol e 1 por venda de tabaco.

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a Comunidade Galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.

Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.

[Fonte: Xunta de Galicia]