A Xunta traslada aos avogados galegos a oferta presentada aos sindicatos da administración de Xustiza

A última proposta da Administración autonómica, sumada ao incremento acordado no Estado, suporía un aumento salarial duns 300 euros ao mes

O Goberno galego reitera a súa disposición a dialogar e negociar en torno ao marco do escenario económico plantexado na súa última proposta
 

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2018.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reuniuse esta mañá con representantes do Consello da Avogacía Galega -encabezados polo seu presidente, Félix Mondelo-, a quen trasladou os detalles da última oferta presentada pola Administración autonómica aos sindicatos da Administración de Xustiza, así como tamén lles dou conta das negociacións mantidas ata día de hoxe.

No encontro, no que tamén estiveron a secretaria xeral da Vicepresidencia, Beatriz Cuíña, e os directores xerais de Función Pública e Xustiza, José María Barreiro e Juan José Martín, a Xunta de Galicia reiterou a súa disposición a dialogar e negociar cos sindicatos de xustiza, sempre no marco do escenario económico plantexado na última proposta realizada polos representantes da Administración autonómica.

Os membros do Consello Galego da Avogacía trasladaron á Xunta a súa preocupación polas consecuencias que a folga está a ter nos xulgados galegos, que é compartida polos responsables da Xunta de Galicia, do mesmo xeito que ambos coincidiron tamén na necesidade de tomar medidas para que a Administración de Xustiza non se paralice si se a folga se prolonga no tempo, unha situación que todos esperan que non se produza.

O Goberno galego mantivo ata o momento 15 reunións cos sindicatos e realizou ata oito propostas de suba salarial. Na última oferta realizada pola Xunta, inclúese un aumento salarial que, sumado ao acordado polo Ministerio de Facenda, suporía unha suba de en torno a 300 euros ao mes a cada traballador.

Este incremento, que sitúa aos funcionarios galegos como os quintos mellor pagados, complementaríase tamén cunha cláusula que lles garantiría cobrar sempre por riba da media do resto de traballadores. Deste xeito, dáse tamén cumprimento ao acordado no Parlamento.

Hai que ter en conta que, ademais da suba retributiva, desde o Goberno galego tamén se propuxeron outras melloras importantes que redundan tanto en beneficio dos traballadores como da cidadanía do seu conxunto. Así, ofreceuse a creación de 36 novas prazas e de 7 prazas de psicólogo nos servizos de atención ás vítimas; unha suba salarial a través dun complemento para os traballadores dos xulgados de violencia de xénero; e a ampliación dos permisos de maternidade e paternidade.

[Fonte: Xunta de Galicia]