Xunta e Goberno estudan impulsar unha biblioteca do Estado no edificio dos xulgados de Vigo cando bote a andar a Cidade da Xustiza

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, veñen de manter un encontro co secretario de Estado de Cultura, Fernando Benzo

O Goberno central acolleu de bo grao a iniciativa da Xunta e avanzou que o propio secretario de Estado se trasladará en vindeiras semanas a Vigo para comprobar in situ a posible ubicación
 

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2018.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, veñen de manter un encontro co secretario de Estado de Cultura, Fernando Benzo, a quen trasladaron a proposta do Goberno galego para impulsar en Vigo unha biblioteca do Estado e situala no actual edificio dos xulgados, que quedará baleiro cando bote a andar a Cidade da Xustiza.


O Goberno central acolleu de bo grao a iniciativa da Xunta e avanzou que o propio secretario de Estado se trasladará en vindeiras semanas a Vigo para comprobar in situ a posible ubicación, no edificio que agora alberga os xulgados na rúa Lalín, que se trasladarán á Cidade de Xustiza en canto estea rematado o importante investimento que está a levar a cabo a Xunta no antigo Hospital Xeral para albergar dotacións xudiciais.


O secretario de Estado de Cultura considerou viable a proposta, que permitiría darlle un novo uso ao edificio dos xulgados e solventar unha débeda da cidade de Vigo, que leva anos reclamando unha Biblioteca do Estado como coa que contan xa varias cidades galegas, onde os seus concellos cederon ao Goberno central terreos ou edificios para poder poñer en marcha estas infraestruturas culturais.


A xestión da nova biblioteca sería asumida pola Xunta e o obxectivo é comezar a súa posta en marcha cando estea plenamente operativa a nova Cidade da Xustiza, que concentrará no antigo Hospital Xeral todas as dotacións xudiciais da cidade, grazas a un investimento de arredor de 30 millóns de euros por parte da Administración autonómica, que permitirá recuperar para os vigueses un edificio emblemático e destinalo a usos xudiciais.


Por outra banda, os representantes da Xunta tamén aproveitaron a reunión co secretario de Estado de Cultura para abordar a candidatura de Cíes- Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade, que xa se atopa rexistrada na Unesco e que está na fase final, segundo constatou esta mesma semana o conselleiro no encontro que mantivo en Paris coa directora do Centro de Patrimonio Mundial do organismo, Mechtild Rössler.

[Fonte: Xunta de Galicia]