A Xunta presenta aos colectivos de Pontevedra a reforma do Edificio de Benito Corbal, que foi adxudicada esta semana

As asociacións locais, que terán dispoñibles dúas plantas do edificio de 636 metros cada unha, coñeceron os detalles do proxecto

As obras comezarán no mes de xaneiro en canto o Concello de Pontevedra outorgue a licencia de obras solicitada no mes de outubro

Pontevedra, 29 de decembro de 2017.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentoulle hoxe os detalles da reforma do edificio de Benito Corbal, en Pontevedra, aos colectivos e asociacións da cidade que farán uso de dúas plantas do inmoble. A obra foi adxudicada esta mesma semana á UTE Acciona-Ramírez por un valor de pouco máis de catro millóns de euros. Xunto ao estudo previo, a redacción do proxecto, a auditoría enerxética e as direccións facultativas, o investimento global ascenderá a 4,34 millóns de euros.

Rueda destacou a importancia deste proxecto para aqueles colectivos e asociacións que non teñen un local no que desenvolver a súa actividade e confiou en que moitos deles poidan ter un oco no edificio de Benito Corbal. De feito terán á súa disposición os andares terceiro e cuarto, de 636 metros cada un.

Os plazos da obra pasan polo seu inicio no mes de xaneiro, en canto o Concello de Pontevedra outorgue a licencia solicitada o pasado mes de outubro. O prazo de execución é de trece meses, co cal o edificio estaría listo no primeiro trimestre de 2019.

Ademais dos locais para os colectivos e asociacións, o edificio terá espazo tamén para albergar as oficinas de emprego da cidade de Pontevedra, o que permitirá un importante aforro en alugueiros de locais, e disporá de catro plantas para todo aquelo que teña que ver co Campus Crea, da Universidade de Vigo. O obxectivo é contar no centro da cidade cun espazo moderno, cómodo, accesible e versátil para todos os usuarios.

O edificio primará a eficiencia enerxética facendo un inmoble cunha cualificación enerxética A, tanto con respecto ao consumo de enerxía primaria non renovable como en emisións de CO2, xa que a rehabilitación ten como obxectivo poder dispoñer dun edificio enerxeticamente eficiente polo que se aplicarán métodos e tecnoloxías enerxéticas como caldeiras de biomasa para a calefacción, bombas de calor de tecnoloxía VRV para calefacción e refrixeración, instalación solar fotovoltaica para xeración de electricidade, así como elevados niveis de illamento térmico e sistemas de iluminación eficientes.

[Fonte: Xunta de Galicia]