As comisións provinciais de xustiza gratuíta da Coruña e Ferrol conceden cinco de cada seis solicitudes en menos de vinte días

A Xunta de Galicia, en colaboración cos Colexios de Avogados e Procuradores, garante o dereito fundamental a través das de sete comisións provinciais vixentes

Resolveron no que vai de ano, entre as dúas comisións, un total de máis de 12.400 peticións de asistencia xurídica a cargo de profesionais da quenda de oficio
 

A Coruña, 25 de decembro de 2017.- A Xunta de Galicia, en colaboración cos distintos Colexios de Avogados e Procuradores da Comunidade, garante o dereito fundamental á asistencia xurídica gratuíta a toda a cidadanía a través das de sete comisións provinciais especializadas na xestión das solicitudes de avogados e procuradores de oficio en todas as xurisdicións.

Nos ámbitos da Coruña e Ferrol, estas comisións resolveron no que vai de ano un total de 12.407 solicitudes, 10.641 delas concedidas nun prazo medio de 20 días dende a recepción de toda a documentación, dentro do máximo legal de 30 días hábiles, e foron introducindo os medios necesarios para a tramitación telemática de todas as fases do procedemento prevista nas modificacións recentes da normativa de aplicación, a última das cales realizouse no Consello da Xunta do pasado 17 de decembro.

Os requisitos económicos para a gratuidade deste dereito varían en función do número de integrantes da unidade familiar, oscilando entre dúas veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem) para as persoas non integradas nunha ata as tres veces o mesmo indicador para as familias numerosas e incluso as cinco veces para aqueles supostos considerados excepcionais por circunstancias familiares ou de saúde do solicitante.

A gratuidade é total, sen considerar o límite de ingresos, para as vítimas de violencia de xénero, de terrorismo e de tráfico de seres humanos, para os menores de idade e as persoas con discapacidade que sexan obxecto de situación de abuso ou malos tratos, así como para os traballadores e beneficiarios da seguridade social que pretendan defender os seus dereitos na xurisdición social e para aquelas persoas que por mor dun accidente acrediten secuelas permanentes que lles impidan traballar e requiran a axuda doutras persoas para as súas actividades diarias que desexen reclamar unha indemnización polos danos sufridos.
 

[Fonte: Xunta de Galicia]