A Xunta reforza o compromiso coa xustiza gratuíta co incremento das compensacións económicas dos procuradores

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe co presidente do Consello Galego de Procuradores, Ricardo Gallego, o acordo sobre a compensación económica pola asistencia xurídica gratuíta

O Goberno galego dá continuidade así ao seu compromiso con este servizo fundamental, unha aposta que xa se reflectiu nos orzamentos de 2017, nos que a partida destinada a este fin experimentou un incremento do 10%
 

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2017.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicou hoxe o compromiso do Goberno galego coa asistencia xurídica gratuíta, co incremento das compensacións económicas dos procuradores que asisten na quenda de oficio.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou esta maña co presidente do Consello Galego de Procuradores, Ricardo Gallego, o acordo sobre a compensación económica pola asistencia xurídica gratuíta. A través desta sinatura, que entrará en vigor para os pagos o último trimestre deste ano, reafírmase o compromiso xa se reflectiu nos orzamentos de 2017, nos que a partida destinada a este fin se incrementou nun 10 por cento.

Mediante o acordo revísanse ao alza as cantidades indemnizadoras polos servizos de cada procedemento, significando unha subida media superior ao 11 por cento, o que repercutirá nas cantidades que reciba cada procurador e tamén nas que percibirán anualmente os colexios de procuradores polos servizos de xestión da representación gratuíta.

Cabe destacar, ademais, que este acordo non se limita tan só a incrementar as cantidades do baremo da xustiza gratuíta, senón que tamén incorpora novos conceptos retributivos para acadar unha mellora tanto cuantitativa como cualitativa, xa que non só soben as cantidades do baremo de xustiza gratuíta de procuradores, senón que se incorporan conceptos retributivos como o pagamento por procedementos en violencia de xénero, aboamento das medidas nos procedementos de familia, execución de títulos non xudiciais ou a xurisdición voluntaria, no caso de que sexa preceptiva a representación por procurador, as medidas cautelares e as dilixencias preliminares nas xurisdicións civil, social e contencioso-administrativo.

 

[Fonte: Xunta de Galicia]