A Xunta e os sindicatos asinan o acordo dos servizos mínimos da folga do persoal funcionario da Administración de Xustiza

Esta mañá mantiveron unha reunión na que chegaron a un consenso sobre os servizos mínimos para os días 1 e 13 de decembro

A Administración autonómica trasladou de novo o seu interese en proseguir as negociacións sobre o complemento autonómico transitorio
 

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2017.- A Xunta de Galicia e as organizacións sindicais convocantes da folga do persoal funcionario ao servizo da Administración de Xustiza acadaron hoxe un acordo consensuado sobre os servizos mínimos para os próximos 1 e 13 decembro.

No acordo asinado esta mañá, considéranse esenciais aqueles servizos que poidan afectar á liberdade das persoas, as actuacións sometidas a prazo perentorio ou a un prazo cuxo incumprimento poida supoñer a perda de dereitos, e as actuacións do Rexistro Civil, polo que acordou fixar servizos mínimos en todos eles. Ademais, tamén estarán operativos os xulgados de garda e os servizos de garda das oficinas das fiscalías e das subdireccións territoriais do Imelga.

Durante a xuntanza, a Administración autonómica reiterou a súa disposición a negociar as cantidades que integran o complemento autonómico transitorio, sobre a base de despregar a súa eficacia temporal en canto sexa legalmente posible.

Polo que atinxe ao resto das demandas, algunha xa acadada, a Administración mostrou a súa disposición a seguir achegando posturas para evitar as consecuencias da folga.
 

[Fonte: Xunta de Galicia]