A Policía Autonómica leva a cabo 212 inspeccións para velar polo cumprimento da Lei de prevención de bebidas alcohólicas en menores

Entre o 6 e o 12 de novembro, realizáronse inspeccións en 25 concellos galegos, e foron identificadas 55 persoas

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a comunidade galega

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2017.- Axentes do grupo de Menores da Policía Autonómica levaron a cabo durante a pasada semana un total de 212 inspeccións de control, nun total de 62 dispositivos en 25 concellos galegos.

Por parte dos distintos grupos de Menores da Policía Autonómica da Coruña, Santiago, Lugo e Pontevedra, nesta pasada semana realizáronse 62 dispositivos de control de menores en risco de desamparo (absentismo escolar e consumo de alcohol/tabaco e drogas en menores de idade), nos concellos da Coruña, A Guarda, A Laracha, A Merca, Ames, Barbadás, Boiro, Carral, Celanova, Lugo, Marín, Mesía, Monterrei, Negreira, Nogueira de Ramuín, Noia, Oímbra, Oleiros, Ourense, Pereiro de Aguiar, Pontevedra, Santiago de Compostela, Toén, Verín e Vigo.

Como resultado do dispositivo levado a cabo, foron identificadas 55 persoas e inspeccionadas 212 zonas de ocio, locais e centros comerciais. Levantáronse 21 actas de infracción: 14 por consumo de alcohol e 2 por venda; así como 3 por consumo de tabaco e outras dúas por venda.

A Policía Autonómica, dende a entrada en vigor da Lei 11/2010, de prevención de bebidas alcohólicas aos menores de idade, leva a cabo diversos dispositivos policiais por toda a Comunidade Galega, para velar polo cumprimento da mesma e previr o consumo deste tipo de bebidas polos menores de idade.

Nestes dispositivos, ademais das denuncias pola infracción da Lei 11/2010, tamén se informa aos propietarios dos locais do seu contido, das actuacións que deben levar a cabo para o cumprimento da mesma e evitar o consumo de alcol entre os menores de idade, así como, que por parte da Policía Autonómica se continuará coas actividades necesarias para velar polo cumprimento da norma.

[Fonte: Xunta de Galicia]