A Xunta destaca que a Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas dota dunha maior seguridade a todo tipo de eventos

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda explicou hoxe no Parlamento galego o contido da Lei

Dá especial relevancia á protección dos menores, dos animais e do medio ambiente e prohibe especificamente a revenda de entradas

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2017.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda compareceu hoxe na Cámara galega onde presentou o Proxecto de Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, a primeira lei autonómica que establece unha regulación xenérica, actualizada e global deste ámbito, e que dotará desde os grandes eventos ata as verbenas populares dunha maior seguridade.

A normativa recolle aspectos como a seguridade, os controis de acceso, o papel das administracións en cada caso, os horarios, a prohibición da revenda de entradas, ou mesmo as sancións no caso de que nalgún momento se produza un incumprimento. Esta lei outorga unha relevancia especial á protección integral da infancia e da adolescencia, recollendo unha remisión ás obrigas introducidas pola normativa vixente en materia de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en persoas menores de idade.

A Lei establece a prohibición de celebrar espectáculos públicos ou actividades recreativas que inciten a discriminacións por razón de raza, identidade de xénero, orientación sexual, relixión, opinión, discapacidade ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

A partir da entrada en vigor da Lei, os concellos terán potestade para poder realizar ampliacións do horario sobre os establecidos normalmente, e regúlase o servizo de control de acceso, que debe contar con persoal habilitado conforme á normativa autonómica Recóllense tamén os supostos nos que estas actividades teñen a obrigatoriedade de contar con plans de emerxencia e de autoproteción. Particularmente en relación coa seguridade das persoas usuarias, destaca a consideración como infracción moi grave do feito de superar a capacidade máxima de público cando comporte un risco grave para a seguridade de persoas ou bens. A sanción podería chegar aos 600.000 euros e mesmo á prohibición de desenvolver a actividade.

A normativa recolle achegas tanto da Fegamp, coma dos colectivos involucrados, cumprindo así co compromiso adquirido do Goberno galego de aprobar unha Lei co máximo consenso de todas as partes. Ademais, nesta mesma liña o titular da Vicepresidencia lembrou que o borrador da Lei estivo en exposición publica no Portal de Transparencia para que os cidadáns puideran enviar suxestións, achegas ou mesmo alegacións.

[Fonte: Xunta de Galicia]