A Policía autonómica esclarece un incendio forestal no concello lucense de Guitiriz

No que vai de ano, son 84 os investigados pola Policía Autonómica por delitos relacionados con lumes nos montes galegos

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2017.- Axentes da Xefatura da Policía Autonómica de Lugo esclareceron un incendio no concello lucense de Guitiriz.

Os axentes da Policía Autonómica procederon á imputación dun varón, como presunto autor dun incendio orixinado o pasado 1 de setembro no lugar de O Seixo, na parroquia de San Salvador de Parga, concello de Guitiriz, que afectou a unha superficie rasa de 0,44 hectáreas.

O lume foi froito dunha reprodución dunha queima agrícola que o investigado realizou de maneira neglixente xa que nesas datas están prohibidas todo tipo de queimas.

Polos feitos instruíronse dilixencias remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Vilalba (Lugo). No que vai de ano, a Policía Autonómica leva investigadas a 84 persoas por delitos relacionados con lumes nos montes galegos.

[Fonte: Xunta de Galicia]