A Policía Autonómica e axentes forestais esclarecen un incendio forestal no concello de Porto do Son

No que vai de ano, son 82 os investigados pola Policía Autonómica por delitos relacionados con lumes nos montes galegos

Santiago de Compostela, 29 de agosto de 2017.- Axentes da Policía Autonómica da xefatura de Santiago de Compostela, en colaboración con axentes forestais do Distrito IV-Barbanza, informaron hoxe do esclarecemento dun incendio forestal no concello de Porto do Son.

A Policía Autonómica procedeu á imputación dun varón como presunto autor dun incendio orixinado o pasado 23 de agosto, na parroquia de Nebra, e que afectou a unha superficie de 20,33 hectáreas (2 hectáreas de monte raso e 18,33 de arborado).

O lume iniciouse cando o investigado estaba a realizar tarefas de limpeza cunha rozadora.

Polos feitos instruíronse dilixencias remitidas ao Xulgado de primeira instancia e instrución en funcións de garda de Noia. No que vai de ano, un total de 82 persoas foron detidas/investigadas pola Policía Autonómica, como presuntas autoras de incendios forestais.

[Fonte: Xunta de Galicia]