A Xunta retirará máis de 12.800 expedientes dos xulgados de Cambados

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, explicou hoxe que se procederá ao expurgo de 6.177 expedientes e que se transferirán ao arquivo un total de 6.633

Adiantou tamén que se implantará a aplicación ‘Arquivo’ de xestión de expedientes e pezas de convicción para a organización íntegra de toda a documentación xudicial
 

Cambados (Pontevedra), 23 de agosto de 2017.- O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, achegouse esta mañá ata os xulgados de Cambados, onde se está a proceder actualmente á transferencia e expurgo de máis de 12.800 expedientes xudiciais.

Hoxe mesmo procederase a transferir ao Arquivo Xudicial Territorial de Pontevedra, situado no edificio da Xunta en Campolongo, un total de 506 caixas de expedientes do xulgado de primeira instancia e instrución nº 3 e outras 220 do nº 1, que suman 6.633 expedientes. Toda esta documentación vaise custodiar de xeito provisional neste arquivo, á espera do que decida a Xunta de Expurgo: que pode ser ou ben a súa destrución ou a súa conservación permanente no Arquivo Histórico Provincial.

Ademais, tamén se vai proceder a retirar 228 caixas cun total de 6.177 de expedientes de xuízos de faltas, que se destruirán de acordo á decisión da Xunta de Expurgo, xa que non teñen valor xurídico nin como patrimonio documental. Esta documentación retirarase o próximo 21 de setembro, xa que é preciso agardar a que transcorran dous meses de exposición pública -a resolución publicouse no DOG do pasado 20 de xullo- para que os interesados poidan solicitar os documentos que aportaran ao proceso.

Por último, durante a súa visita, o director xeral de Xustiza adiantou tamén que se vai proceder a implantar nos xulgados de Cambados a aplicación ‘Arquivo”, un sistema de xestión de arquivos físicos e pezas de convicción que permite a organización íntegra de toda a documentación xudicial e a súa vinculación coas pezas de convicción. O proxecto iniciouse no xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 1 de Vilagarcía de Arousa e irase estendendo de forma progresiva ao resto de xulgados deste partido xudicial. Logo de finalizar en Vilagarcía, comezarase polo xulgado nº 1 de Cambados.

O Goberno autonómico comezou, hai catro anos, un plan de expurgo na administración de xustiza co obxectivo de gañar espazo e dispoñer de arquivos máis ordenados, útiles e eficaces. Desde a posta en marcha deste plan, téñense trasladado ou eliminado preto dun millón de expedientes dos xulgados galegos.
 

[Fonte: Xunta de Galicia]