A Xunta informa á asociación de comerciantes da contorna do Xeral do arranque das obras de demolición no antigo hospital

As obras teñen un prazo de execución de cinco meses, estando previsto que a Cidade da Xustiza sexa unha realidade a finais do ano 2019

Vigo, 5 de xullo de 2017.- O delegado da Xunta na área territorial de Vigo, Ignacio López-Chaves, reuniuse esta mañá con varios representantes da Asociación de Comerciantes da contorna do Xeral (ACEX), entre eles a súa presidenta, Rosa Vello, para explicarlles en que consistirán as obras de demolición no antigo Hospital Xeral, que arrancaban onte martes cun prazo de execución de cinco meses. Trátase dun primeiro paso para logo continuar coa rehabilitación do edificio e que a futura Cidade da Xustiza de Vigo sexa unha realidade a finais de 2019.

En rolda de prensa posterior á reunión, López-Chaves enmarcou o encontro no compromiso cos comerciantes de informarlles sobre o avance do proxecto trala decisión da Administración autonómica de rehabilitar un edificio emblemático da cidade, concentrando nun mesmo espazo todas as dotacións xudiciais da cidade. Segundo dixo, “o inicio das obras demostra non só que se avanza, senón que se cumpren os prazos”. “Hai proxecto, orzamento e agora obras”, salientou para acentuar que a de Vigo é a maior inversión da Xunta nunha dotación xudicial en Galicia. O investimento global roldará os 25 millóns de euros.

López-Chaves desvelou que, durante reunión previa con Rosa Vello, os comerciantes lle confesaron que están desexando escoitar os ruídos das obras, xa que isto suporá a recuperación dunha zona que, en palabras da presidenta de ACEX “está moi abandonada” desde o peche do Xeral. Neste senso, Vello valorou a axilidade da Xunta entre o anuncio do traslado dos xulgados ao antigo centro hospitalario e o inicio das obras. “A chegada de obreiros é moi esperada”, afirmou.

A Xunta segue coa premisa de axilizar ao máximo o proceso de rehabilitación do inmoble, comezando por unha parte coa demolición dos elementos que non se aproveitan, e por outro, a obra de rehabilitación propiamente dita.

Acordouse así dividir o proxecto en dúas fases. Primeiro, a fase de execución, coa demolición daquelas partes do edificio do antigo Hospital Xeral que serán retiradas, para seguir logo coa fase de rehabilitación, cun prazo de execución de 24 meses.

Ademais, paralelamente ao proceso de derrubamento, que consiste no baleirado de interiores, o desmantelamento do recubrimento de fachadas, a demolición do edificio curvo e diversas actuacións para poder comezar coa rehabilitación, o arquitecto Alfonso Penela segue a traballar na redacción do proxecto de rehabilitación, para que en canto o teña listo, sexa posible iniciar xa as obras.

Desde a Xunta, apostouse por rehabilitar un edificio emblemático da cidade, poñendo en marcha unha Cidade de Xustiza moderna, ben dimensionada, e buscando a mellor solución para converter o antigo Xeral na nova Cidade da Xustiza de Vigo mediante o concurso de ideas. Nun mesmo edificio concentraranse todas as dotacións xudiciais da cidade, gañando máis de 20.000 metros cadrados novos de espazo e acollendo o inmoble 35 unidades xudiciais con espazo libre para futuras ampliacións e contando xa desde o primeiro momento coa axuda e o asesoramento dos arquitectos da cidade e os operadores xudiciais e do Concello.

[Fonte: Xunta de Galicia]