O xuíz instrutor do caso Alvia acorda requirir un novo informe ao perito xudicial encargado do exame do material rodante

 Quere que o experto aclare se os defectos denunciados “en caso de existir e non ter sido reparados, puideron ter algunha incidencia causal no accidente” ferroviario.

O xuíz instrutor do caso Alvia acordou requirir ao perito xudicial encargado do exame do material rodante que emita un novo informe á vista das declaracións prestadas o pasado 10 de xullo por empregados ou exempregados de Talgo. Unha destas testemuñas remitira á Audiencia Provincial da Coruña, a través da Plataforma Vítimas Alvia, unha declaración xurada dicindo ter visto como uns responsables da empresa ordenaban o borrado de determinados rexistros relativos a defectos que el mesmo apreciara previamente na inspección do tren.

O maxistrado ordena ao perito emitir un informe no que precise se os defectos aos que alude a testemuña na súa declaración xurada e posterior ratificación perante o xulgado realmente “existiron e existe constancia documental de iso”, e se tales defectos, en caso de existir, “foron ou non reparados antes de saír o tren do taller de Fuencarral os días previos ao accidente”. Tamén quere o xuíz que o experto aclare se “tales defectos, en caso de existir e non ser reparados, puideron ter algunha incidencia causal no accidente” ferroviario ocorrido o pasado 24 de xullo de 2013 nos arredores de Santiago.

Respecto do resto de dilixencias solicitadas polas representacións procesuais do maquinista do tren e da Plataforma Vítimas Alvia, entende o maxistrado que non ha lugar polo momento, á espera do resultado da pericial acordada.

Documentos relacionados