O xulgado rexeita os recursos sobre o accidente do Alvia e dirixe a causa contra o maquinista e un cargo de ADIF

  • O xuíz desestimou na resolución as solicitudes das acusacións e defensas e confirmou o sobresemento provisional e arquivo da causa respecto aos outros cinco investigados

 

O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago de Compostela rexeitou os recursos presentados contra o auto no que dá por finalizada a investigación do accidente do tren Alvia ocorrido o 24 de xullo de 2013 na capital galega. O maxistrado, polo tanto, mantén que a causa se siga contra o maquinista do tren e o director de Seguridade na Circulación de ADIF no momento de posta en funcionamento da liña por se os feitos que lles imputa fosen constitutivos de oitenta delitos de homicidio e de 144 de lesións por imprudencia grave profesional. O xuíz desestimou na resolución notificada hoxe as solicitudes das acusacións e defensas e confirmou o sobresemento provisional e arquivo da causa respecto aos outros cinco investigados –o director de Circulación de Renfe, o xerente da área de Seguridade na Circulación do Noroeste de ADIF e tres técnicos de Ineco-.

En canto ás peticións de mantemento da imputación do director de Circulación de Renfe na data dos feitos, o xuíz argumenta que a súa responsabilidade “cínguese ao material rodante e á formación do maquinista” e asegura que “non consta que tivese incorrido en incumprimento normativo e/ou técnico algún”. A Dirección de Seguridade na Circulación de Renfe, segundo o instrutor, “cumpriu co seu labor, que non era outro máis que habilitar un material rodante tecnicamente adecuado e poñer aos mandos do mesmo a un maquinista debidamente formado e dotado das habilitacións profesionais legalmente esixibles”. O maxistrado tamén defende o sobresemento das actuacións contra o xerente da área de Seguridade na Circulación do Noroeste de ADIF. Así, destaca na resolución que é “evidente que máis aló da denominación do seu cargo, carece de competencia algunha no ámbito da avaliación de riscos que aquí nos ocupa”.

No auto, ademais, rexeita a solicitude da defensa do maquinista do tren para que se arquive a causa contra el. O instrutor salienta que da investigación se deduce que “incumpriu a súa obriga esencial: respectar o cadro de velocidades máximas, e iso xerou un resultado catastrófico”.
“O feito de que outros responsables de ADIF incumprisen tamén presuntamente a súa obriga de realizar unha correcta avaliación dos riscos que puidese comportar melloras na infraestrutura ou no subsistema de control, mando e sinalización, non exclúe a responsabilidade do maquinista nin o exonera da súa presunta responsabilidade na causación do sinistro, pois, de respectar o cadro de velocidades que tiña á súa disposición, tal e como fixo en múltiples ocasións anteriores nas que circulou por ese mesmo punto, o accidente non se produciría”, recalca.

O instrutor acordou a suspensión do trámite de cualificación e de resolución de petición de dilixencias complementarias ata que o auto, que pode ser recorrido ante a Audiencia Provincial da Coruña, sexa firme. 

Fonte: Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

 

Ligazóns relacionadas