O informe sobre o contido das caixas negras do tren sinistrado recibiuse hoxe no Xulgado de Instrución nº3 de Santiago ao redor das 11.00 horas da mañá. A esa hora eran xa varios os medios de comunicación que tiveran acceso a un informe que non fora entregado ao xuíz. Á vista desta situación, o maxistrado do caso decidiu deducir testemuño do ocorrido para que o xulgado de garda inicie unha investigación penal por un presunto delito de descubrimento e revelación de segredos.
Unha vez estudado o informe polo maxistrado que instrúe o caso, o Xulgado considera oportuno confirmar os seguintes datos:
Resultados do informe
O tren circulada ao paso polo punto de descarrilamento a unha velocidade de 179 km/h, sendo a velocidade máxima permitida de 80 km/h.
Existe un rexistro de son no que se recollen actos de fala, atribuídos ao maquinista, que se inicia ás 20:39:15, durando a conversación ata as 20:40:55 (1 minuto e 40 segundos). Ás 20:41:06 escóitase o inicio do son de arrastre do tren producido polo descarrilamento. Ás 20:41:16 finaliza o son de arrastre.
O informe foi elaborado e está asinado por axentes de Policía, persoal de Renfe, de Adif e do Ministerio de Fomento.
Por outra banda, o interventor do tren prestou hoxe declaración, na que admitiu ser o autor da chamada recibida polo maquinista.
Nestes momentos están persoados na causa Renfe, Adif e dúas aseguradoras como responsables civís e dous particulares como prexudicados. A posibilidade de persoarse na causa permanece aberta ata que se dite o auto polo que se dá por concluída a instrución.
[Fonte: Tribunal Superior de Xustiza de Galicia]