Mediación civil e mercantil

"A mediación está construída arredor da intervención dun profesional neutral que facilita a resolución do conflito polas propias partes dunha forma equitativa"

A Lei 5/2012, do 6 de xullo, regula a mediación en asuntos civís e mercantís incorporando ao Dereito español a Directiva 2008/52/CE, que aprobou para o ámbito europeo o establecemento da mediación como medida para a resolución de asuntos civís e mercantís, de entre outros incluídos na denominada ADR (Alternative Dispute Resolution).

Entre as vantaxes da mediación cómpre destacar a súa capacidade para dar solucións prácticas, efectivas e rendibles a determinados conflitos en asuntos civís e mercantís entre partes, o que a configura como unha alternativa ao proceso xudicial ou á vía arbitral, dos que se debe deslindar con claridade. A mediación está construída arredor da intervención dun profesional neutral que facilita a resolución do conflito polas propias partes dunha forma equitativa, permitindo o mantemento das relacións subxacentes e conservando o control sobre o final do conflito.

A tal fin, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia ten establecido un marco estable e permanente de colaboración co Consello Xeral do Poder Xudicial e o mais Consello Galego de Cámaras de Comercio, co fin de potenciar e consolidar a mediación como modalidade alternativa de solución de conflitos no ámbito empresarial cuxa xurisdición corresponda aos xulgados do mercantil e civil no ámbito da Comunidade galega. Así mesmo, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia ten asinado un protocolo de colaboración co Consello Galego de Procuradores en materia de mediación no ámbito civil e mercantil.

Servizos de mediación na xurisdición civil e mercantil:

  • Consello Galego de Cámaras de Comercio
    Tfno.  981 596 120
    administracion@camaras-galicia.com
  • Consello Galego dos Procuradores
    Rúa Madrid 2-4 - Edificio EGAP
    15707 Santiago de Compostela