Dereito civil de Galicia

"É unha creación xenuína do pobo galego. As fontes do dereito civil de Galicia son a lei, o costume e os principios xerais que integran e informan o ordenamento xurídico galego"

O ordenamento xurídico español recoñece a potestade das comunidades autónomas para conservar, modificar e desenvolver os seus dereitos civís, forais ou especiais propios respecto ás regras relativas á aplicación e eficacia das normas xurídicas, relacións xurídico-civís sobre as formas de matrimonio, ordenación dos rexistros e instrumentos públicos, bases das obrigas contractuais, así como as normas para resolver os conflitos de leis e determinación das fontes do dereito.

A Constitución española e o Estatuto de Autonomía de Galicia establecen que corresponde ao Parlamento de Galicia a capacidade de lexislar en materia de dereito civil propio, así como a tarefa de aprobar o dereito procesual derivado das particularidades do dereito substantivo de Galicia.

Deste modo, a Cámara galega aprobou a Lei de dereito civil de Galicia en 1995, derogada pola Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia na que recolle as normas consuetudinarias das relacións entre suxeitos privados, como unha "creación xenuína do pobo galego". Así, establece que as fontes do dereito civil de Galicia son a lei, o costume e os principios xerais que integran e informan o ordenamento xurídico galego.

Neste caso, o costume rexerá en defecto de lei galega aplicable. En defecto de lei e costume galegos, será de aplicación con carácter supletorio o dereito civil xeral do Estado, cando non se opoña aos principios do ordenamento xurídico galego.

Na determinación das fontes do dereito civil respectaranse polo Estado as normas do dereito civil galego.

Ademais, indica que os usos e costumes notorios non requirirán proba e que o dereito galego se interpretará e integrará dende os principios xerais que o informan, así como coas leis, os usos, os costumes, a xurisprudencia emanada do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a doutrina que encarna a tradición xurídica galega.

Institucións xurídicas

O dereito civil de Galicia regula diversas materias e institucións como son as comunidades de montes veciñais en man común, as de augas, as agras e os vilares, os muíños de herdeiros, as serventías, a parzaría, o arrendamento rústico, o lugar acasarado, o réxime económico familiar con fórmulas específicas de dereito sucesorio, o vitalicio, a compañía familiar galega...e algunhas outra materias derivadas de relacións de veciñanza, como son a gabia, o resío, a venela e os montes abertais e outras institucións xurídicas propias de Galicia.

Este dereito é de aplicación en todo o territorio da comunidade autónoma, salvo nos casos nos que, conforme ao dereito interrexional ou internacional persoal, deban aplicarse outras normas.

A suxeición a esta lei determinarase pola veciñanza civil, conforme ao disposto no dereito civil común. Os galegos que residan fóra de Galicia terán dereito a manter a veciñanza civil galega conforme ao disposto no dereito civil común e, en consecuencia, poderán seguir suxeitos ao dereito civil de Galicia.

A primeira lei de dereito civil de Galicia aprobouse en 1995, pero no ano 2006 foi modificada para eliminar regulacións ambiguas e mellorar a aplicación dalgunhas institucións, como as que se refiren á adopción de menores, a adopción ou a autotutela.

Para saber máis...