Tribunal do xurado

Os membros do xurado, a través do veredicto, proclamarán a culpabilidade ou inculpabilidade do acusado ou acusados declarando probados ou non probados os feitos que foron sometidos á súa decisión.

Para a declaración dun veredicto de culpabilidade serán necesarios, polo menos, 7 dos 9 votos dos membros do xurado e, para declarar un veredicto de inculpabilidade, serán precisos polo menos 5 votos.

O maxistrado, que preside o tribunal do xurado, redactará a sentenza baseándose no devandito veredicto. A sentenza será absolutoria ou condenatoria dependendo do veredicto de inculpabilidade ou culpabilidade do xurado. Se fose condenatoria, o maxistrado establecerá na sentenza a pena que proceda ditar.

O tribunal do xurado constitúese para cada causa ou xuízo concreto e componse de nove xurados e un maxistrado pertencente á carreira xudicial, que será quen o preside.

Para ser un dos nove membros do xurado, previamente participouse nun proceso de selección regulado normativamente. A selección comeza, polo menos 30 días antes da data para o comezo do xuízo, a través dun sorteo no que se elixen 36 candidatos. Deles, serán elixidos 11 para formar parte de tribunal do xurado, 9 como xurados e 2 como suplentes.

Para formar parte dun xurado popular, todo posible candidato teñen que estar incluído no censo electoral (xa que todos os candidatos se seleccionasen mediante sorteo entre as persoas incluídas no devandito censo), estar no pleno exercicio dos dereitos políticos, ser español, saber ler e escribir, ser veciño de calquera dos municipios da provincia nos que o delito se tiver perpetrado e non estar impedido física, psíquica ou sensorialmente para o desempeño da función.

Non poderán ser xurado as persoas condenadas ou procesadas e as que teñan algunha das incompatibilidades reguladas normativamente.

O tribunal do xurado ten competencia para axuizar delitos contra as persoas, delitos cometidos polos funcionarios públicos no exercicio dos seus cargos, delitos contra a honra, delitos contra a liberdade e a seguridade e delitos de incendio.

En concreto, segundo o Código Penal español, xúlganse ante o tribunal do xurado os seguintes delitos:

  • Parricidio.
  • Asasinato.
  • Homicidio.
  • Auxilio ou indución ao suicidio.
  • Infanticidio.
  • Infidelidade na custodia de presos.
  • Infidelidade na custodia de documentos.
  • Suborno.
  • Malversación de caudais públicos.
  • Fraudes e exaccións ilegais.
  • Negociacións prohibidas a funcionarios públicos.
  • Tráfico de influencias.
  • Omisión do deber de socorro.
  • Violación de morada.
  • Ameazas.
  • Incendios forestais.