Principais institucións do dereito civil galego

O contrato de vitalicio

É un contrato polo que unha ou máis persoas se obrigan unha con respecto á outra, ou doutras, a prestar alimento na extensión que acorden e en concepto de contraprestación polos bens ou dereitos que reciba o obrigado a prestalos.

A extensión do deber será a que as partes acorden, pero, en todo caso, esta prestación alimenticia abranguerá o sustento, o cuarto, o atavío e a asistencia médica do alimentista, así como as axudas e os coidados, acomodados ás circunstancias das partes.

Para que teña efectos fronte a terceiros, o contrato de vitalicio haberá de formalizarse en escritura pública. A obriga de prestar alimentos durará ata o falecemento do alimentista e transmitirase, salvo pacto en contrario, aos sucesores do obrigado a prestalos.

Non obstante, o contrato de vitalicio poderá resolverse se concorrese algunha das circunstancias seguintes:

  • Conduta gravemente inxuriosa ou vexatoria da persoa obrigada a prestar alimentos, do seu cónxuxe ou parella ou dos fillos cos que conviva respecto ao alimentista.
  • Incumprimento total ou parcial da prestación alimenticia, ou dos termos nos que foi pactada, sempre que non sexa imputable ao seu perceptor.
  • Cando, segundo a posición social e económica das partes, o cesionario non coide ou non atenda no necesario ao alimentista en todo canto faga posible o capital cedido, na busca do mantemento da súa calidade de vida.

O retracto de graciosa

O retracto de graciosa poderase exercer en todos os casos de execución patrimonial de bens de natureza agraria, se o debedor executado tivese a condición de profesional da agricultura, podendo retraer ou recuperar os bens que fosen adxudicados no prazo de trinta días a partir da data da notificación da adxudicación. O órgano que fixo a adxudicación notificaralla ao debedor dentro do terceiro día, e dende ese momento iniciarase o cómputo do prazo para o exercicio da acción de retracto.

  • Para exercitar o retracto de graciosa o debedor haberá de proceder ao pagamento do prezo e gastos de lexítimo aboamento.
  • Entenderase por bens de natureza agraria aqueles bens que están suxeitos a unha explotación desa clase.

Entenderase por profesional da agricultura:

  • A persoa maior de idade ou emancipada que se dedique ou vaia dedicarse a actividades de carácter agrario e se ocupe de xeito efectivo e directo da explotación, como agricultor profesional,,
  • As sociedades cooperativas agrarias de explotación comunitaria da terra ou de traballo asociado dentro da actividade agraria.
  • As sociedades agrarias de transformación ou outras sociedades civís, laborais, ou outras mercantís, que en caso de que sexan anónimas, as súas accións deberán ser nominativas e teñan por obxecto exclusivo, conforme aos seus estatutos, o exercicio da actividade agraria.
  • As entidades ou organismos das Administracións públicas que estean facultados conforme ás súas normas reguladoras para a explotación ou subarrendamento de terreos rústicos.

O usufructo voluntario do cónxuxe viúvo

Esta  institución permite aos cónxuxes pactar en escritura pública ou dispoñer en testamento a atribución unilateral ou recíproca do usufruto sobre a totalidade ou parte da herdanza.

O usufruto voluntario do cónxuxe viúvo é inalienable. É renunciable en todo ou en parte por escritura pública e só redimible ou conmutable por acordo do usufructuario e dos propietarios sen usufruto.

Ademais das facultades que incumben a todo usufrutuario, o cónxuxe que o fora pola totalidade da herdanza está facultado para:

  • Pagar os gastos de última enfermidade, enterramento, funerais e sufraxios do cónxuxe premorto, con cargo á herdanza.
  • Pagar as débedas esixibles do causante con metálico da herdanza. Se non houbese diñeiro ou este non fose suficiente, o usufructuario poderá allear semovientes, arboredo ou mobiliario ordinario na contía precisa. Para a alienación de calquera outro ben coa finalidade de pagar as débedas do causante será necesario o consentimento dos propietarios sen usufruto ou, noutro caso, a autorización xudicial.
  • Cobrar créditos da herdanza, aínda cando non se prestase fianza.
  • Allear o mobiliario e os semovientes que considere necesarios, de acordo cunha boa administración, debendo repoñelos en canto sexa posible conforme ao mesmo criterio.
  • Realizar melloras non suntuarias con cargo á herdanza.
  • Realizar determinadas actividades de explotación de bens da herdanza.

O usufructuario cónxuxe viúvo terán os seguintes deberes:

  • Cumprir as obrigas que expresamente lle impuxese o cónxuxe causante.
  • Administrar os bens obxecto do usufruto coa dilixencia propia dun bo pai de familia.
  • Prestar alimento, con cargo ao usufruto, aos descendentes que o precisen.
  • Defender, á súa costa, a posesión dos bens.

A mellora de labrar e poseer

É o pacto sucesorio a través da cal o titular ascendente dun lugar acasarado, explotación agrícola ou establecemento fabril, industrial ou comercial que o queira conservar indiviso pode pactar a súa adxudicación íntegra a calquera dos seus fillos ou descendentes, e aínda que as sortes de terra se encontren separadas. Nestes casos, se no pacto non se dispón outra cousa, a devandita adxudicación supoñerá a institución de herdeiro considerándose ademais que se vén a constituír unha mellora tácita a ese herdeiro.

No devandito suposto a casa patrucial e o seu era, currais e hortos, tratándose de lugar acasarado, e a explotación agrícola, comercial ou fabril reputaránse indivisibles para os efectos da partición.

Cando o ascendente fixese uso desta facultade, o adxudicatario poderá compensar en metálico os demais interesados na partición podendo realizar un pagamento a prazos. A cantidade aprazada producirá o interese legal do diñeiro.

A apartación

É aquel pacto sucesorio do dereito civil galego polo cal quen teña a condición de herdeiro lexítimo, se se abrise a sucesión no momento en que se formaliza o pacto, quedará excluído de modo irrevogable, por si e a súa liñaxe, da condición de herdeiro forzoso na herdanza do apartante, a cambio dos bens concretos que lle sexan adxudicados inter vivos. Ademais, poderá validamente pactarse que o herdeiro lexítimo quede excluído non só da condición de herdeiro forzoso, senón tamén do chamamento intestado.

O apartante poderá adxudicar ao herdeiro apartado calquera ben ou dereitos en pagamento da apartación, independentemente do valor desta.

As partillas feitas polos herdeiros maioritarios

Os herdeiros maiores de idade que representen máis do 50% do haber hereditario ou sexan dous cando menos, poderán promover ante notario a partición da herdanza, comezando por notificar o devandito propósito aos demais interesados, e sempre que non exista contador-partidor designado polo causante. Esta forma de facer a partición rompe co principio de unanimidade que esixen os artigos 1.058 e 1.059 do Código Civil.

A casa patrucial e a veciña

En dereito civil galego, a casa patrucial ou agrupación-comunidade familiar liderada por un pater familias e os seus anexos (edificio-vivenda, as cortes, dependencias accesorias, palleiros, patios,hórreos, currais, e os diversos terreos, xuntos ou dispersos, da explotación) constitúen un patrimonio indivisible. Os patrucios dunha parroquia constitúen a veciña, que administra os bens en man común segundo o costume ou conforme ao acordado pola maioría.

A veciña reunirase polo menos unha vez ao ano cando, como e onde o acorde, e estará presidida polo vicairo, o patrucio de máis idade ou a persoa escollida pola maioría dos patrucios. Cando non exista convocatoria, a veciña reunirase por defecto o 31 de decembro de cada ano, salvo que houbese costume de reunirse outro día. Na reunión anual da veciña someteranse a aprobación polo menos as contas do ano anterior e fixaranse os plans ou obxectivos de actuación para o ano seguinte.