Dereito civil de Galicia

"O dereito civil de Galicia é o dereito consuetudinario que regulou as relacións xurídicas entre suxeitos privados ao longo dos séculos. É unha "creación xenuína do pobo galego" e establece que as fontes do dereito civil de Galicia son a lei e o costume"

O dereito civil de Galicia é o dereito consuetudinario que regulou as relacións xurídicas entre suxeitos privados ao longo dos séculos. É unha "creación xenuína do pobo galego" e establece que as fontes do dereito civil de Galicia son a lei, o costume e os principios xerais que integran e informan o ordenamento xurídico galego.

O dereito civil de Galicia regula diversas materias e institucións como son as comunidades de montes veciñais en man común, as de augas, as agras e os vilares, os muíños de herdeiros, as serventías, a parzaría, o arrendamento rústico, o lugar acasarado, o réxime económico familiar con fórmulas específicas de dereito sucesorio, o vitalicio, a compañía familiar galega...y algunhas outra materias derivadas de relacións de veciñanza, como son a gabia, o resío, a venela e os montes abertais e outras institucións xurídicas propias de Galicia.

Segundo o Estatuto de Autonomía de Galicia, a comunidade autónoma ten a competencia exclusiva en materia de conservación, modificación e desenvolvemento do dereito civil galego, ao abeiro do previsto no artigo 149.1.8 da Constitución española, sen prexuízo da competencia estatal en materia de lexislación civil.

Réxime Xurídico

O dereito civil galego é de aplicación no territorio da comunidade autónoma, salvo nos casos nos que, conforme ao dereito interrexional ou internacional persoal, deban aplicarse outras normas. A suxeición ao dereito civil de Galicia determinarase pola veciñanza civil, conforme ao disposto no dereito civil común. Os galegos que residan fóra de Galicia terán dereito a manter a veciñanza civil galega e poderán seguir suxeitos ao dereito civil de Galicia.

As fontes do dereito civil de Galicia son a lei, o costume e os principios xerais que integran e informan o ordenamento xurídico galego.

  • O costume rexerá en defecto de lei galega aplicable.
  • En defecto de lei e costume galegos, aplicarase con carácter supletorio o dereito civil xeral do Estado, cando non se opoña aos principios do ordenamento xurídico galego.

Na determinación das fontes do Dereito civil respectaranse polo Estado as normas do Dereito civil galego. O dereito galego interpretarase e integrará dende os principios xerais que o informan, así como coas leis, os usos, os costumes, a xurisprudencia emanada do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e a doutrina que encarna a tradición xurídica galega.

Comisión superior para o estudo do desenvolvemento do dereito civil galego

É o órgano consultivo da Xunta de Galicia no desenvolvemento conservación das institucións do dereito civil galego, realizando estudos e emitindo todo tipo ditames e informes solicitados pola Administración autonómica en materia de dereito civil galego.

As principais funcións que ten atribuídas a comisión son:

  • A Conservación, modificación e desenvolvemento das institucións do dereito civil galego.
  • Desenvolvemento de normas procesuais e procedementos administrativos que se deriven do específico dereito galego ou da organización propia dos poderes públicos galegos.
  • Emisión de ditames e informes facultativos e non vinculantes nas materias indicadas.
  • Calquera outra que lle poida ser encomendada en materia de dereito civil galego.