Principais institucións sobre dereitos reais

Montes veciñais en man común

Son montes veciñais en man común os terreos situados na comunidade autónoma de Galicia que, independentemente da súa orixe, posibilidades produtivas, aproveitamento actual e vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais, e non como entidades administrativas, e que se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros destas, na súa condición de veciños con casa aberta e residencia habitual dentro da área xeográfica sobre a que se asente o grupo social ao que tradicionalmente estivese adscrito o aproveitamento do monte.

A propiedade dos montes veciñais en man común é de natureza privada e colectiva, correspondendo a súa titularidade dominical e aproveitamento á comunidade veciñal respectiva.

Montes abertais

Son montes abertais, de voces, de varas ou de fabeo, os conservados pro indiviso, nos cales os seus copropietarios teñen ou manteñen o costume de reunirse para repartirse entre si porcións determinadas de monte ou sernas para o aproveitamento privativo destas, cuxa asignación se fai por lotes decididos a sorte. No seu caso, a división das devanditas terras e a conseguinte extinción da copropiedade faranse conforme ao costume.

Agras e vilares

Chámase agra ou vilar a unha extensión grande de terreo de labrado que, polo xeral, pertence a varios titulares, o que supón tamén a copropiedade sobre os seus muros, valos e cercas. Se non houbese pacto ou normas específicas, o uso ou costume rexerá o aproveitamento e, en xeral, as relacións xurídicas dos propietarios dos terreos que integren o agra ou vilar. O copropietario que use a parcela ou parcelas sen respectar os usos indemnizará polos danos e prexuízos ocasionados.

Muíños de herdeiros

Son aqueles muíños de propiedade común indivisible dedicados a moer grans para consumo familiar e alimentación do gando dos seus copropietarios, calquera que sexa a súa orixe e estado de conservación. O aproveitamento dos devanditos muíños farase por pezas ou grupos de horas que acorden os copartícipes e nos días que establezan, e, no seu defecto, polo que sexa costume. Os copropietarios contribuirán proporcionalmente aos custos de conservación e reparación do edificio, o seu ámbito, maquinaria e aproveitamento da auga, sen que entre eles haxa que pagar maquía.

Servidume de paso

É o dereito a pasar polo predio servente a un terreo que está situada entre outra ou outras non tendo acceso abondo a un camiño público transitable para satisfacer as necesidades permanentes de acceso, uso e gozo do predio ou terreo.

Este dereito adquírese por lei, por dedicación do dono do predio servente, por negocio xurídico bilateral ou pola súa posesión pública, pacífica e ininterrompida durante o prazo de vinte anos a partir do momento no que empezase a exercitarse. Todo propietario dun predio pode establecer sobre este, por actos inter vivos ou mortis causa, as servidumes de paso que considere convenientes, sempre que non contraveña as leis e a orde pública. Toda servidume de paso leva aparellados determinados dereitos e obrigas para os propietarios dos predios dominante e servente que basicamente virán determinados polo disposto no título de constitución da servidume.

Serventía

O paso ou camiño privado de titularidade común que se efectúa sobre un terreo que non teña carácter público e do que non conste o dominio ou identidade individualizada dos que o utilizan será considerado serventía, calquera que sexa o que cada un dos usuarios ou causantes cedera para a súa constitución ou establecemento. Os cotitulares do paso ou camiño terán dereito a usar, gozar e posuír en común o devandito camiño para os efectos de paso e servizo dos predios. Todos os partícipes están obrigados a contribuír, a partes iguais, cos gastos de conservación da serventía nos termos que acorde a maioría e calquera modificación ou alteración da serventía requirirá o consentimento unánime dos copropietarios.

Cómaro, ribaro o arró

O cómaro, ribaro ou arró é unha especie de cerco, terraza ou muro de separación no terreo que se dá en terreos lindeiros situados a distinto nivel, salvo proba en contrario, estes formarán parte do predio situado no plano superior, estando o propietario ou posuidor do mesmo obrigado a realizar as obras e reparacións necesarias para a súa conservación e mantemento.