Institucións sobre dereitos das persoas

Protección de menores

O dereito civil de Galicia, co fin de garantir os dereitos dos menores e de emendar as situacións de desamparo ou risco en que puidesen encontrarse, establece que a Xunta de Galicia exercerá a través do organismo competente a protección das persoas menores que residan ou se encontren en Galicia. Así adoptaranse diferentes medidas en materia de desamparo, tutela e garda administrativa, medidas de protección do menor, Acollemento, etc. que garantan e fagan respectar os diferentes dereitos de todos os menores que residan en Galicia .

Adopción

O dereito civil galego establece diferentes medidas sobre as persoas que poden adoptar e ser adoptadas e sobre a constitución e eficacia da adopción.

Autotutela

En previsión dunha eventual incapacidade, calquera persoa maior de idade poderá designar en escritura pública a persoa ou persoas, físicas ou xurídicas, para que exerzan o cargo de titor. Do mesmo modo, poderá nomear substitutos dos designados para exercer a tutela e excluír determinadas persoas para o cargo.

Situación de ausencia non declarada

Encóntrase en situación de ausencia non declarada a persoa cuxo paradoiro se ignora ou aquela que non pode localizarse de modo transitorio.

Para elo é necesario:

  • Que se ignore o paradoiro da persoa ou que non se poida localizar de modo transitorio.
  • Que non estea representada lexitimamente por estar sometida á patria potestade ou tutela, por exemplo, ou voluntariamente por un apoderado.
  • Que no patrimonio do ausente se teña que realizar un acto ou negocio xurídico que non admita demora.

A situación de ausencia efectiva do domicilio habitual poderá acreditarse mediante acta de notoriedade tramitada por notario hábil, na cal se fará constar a persoa á que corresponde a representación e defensa dos intereses do ausente.

Os chamados a exercer a devandita administración ou representación son, por orde sucesiva e excluínte, o cónxuxe non separado legalmente ou, de feito os descendentes e os ascendentes, sempre que teñan capacidade xurídica plena e sexan maiores de idade mentres dure a situación de ausencia.

No que se refire aos dereitos e deberes do administrador dos bens do ausente, deberá render contas e terá dereito a percibir o vinte e cinco por cento dos froitos netos dos bens que goberne.