COMISIÓNS DE ASISTENCIA XURÍDICA DE GALICIA

Composición, funcións e indemnizacións

As comisións de asistencia xurídica gratuíta están compostas polos seguintes membros, entre os que se designará un presidente e un secretario:

  • Un representante do Ministerio Fiscal, cuxa designación corresponde ao fiscal xefe da fiscalía provincial ou, no seu caso, a fiscalía de área.
  • Un representante do colexio de avogados do ámbito territorial correspondente. En caso de que haxa máis dun colexio de avogados no devandito ámbito, designarase de común acordo entre as decanas e decanos dos colexios respectivos; no seu defecto, a nominación corresponde ao Consello da Avogacía Galega.
  • Un representante do colexio de procuradores dos tribunais do ámbito territorial correspondente. En caso de que haxa máis dun colexio de procuradores no devandito ámbito, designarase de común acordo entre as decanas e decanos dos colexios respectivos; no seu defecto, corresponde ao Consello Galego de Procuradores dos Tribunais, o nomeamento.
  • Dous funcionarios da Xunta de Galicia: un deberá pertencer á consellería competente en materia de xustiza, a corpos ou escalas do grupo A e ter a licenciatura en dereito, e designarao a Dirección Xeral de Xustiza; o outro será un/a letrado/a da Xunta de Galicia, e designarao a Dirección Xeral da Asesoría Xurídica.

Funcións

As principais funcións das comisións de asistencia xurídica gratuíta son:

  • Recoñecer ou denegar o dereito á asistencia xurídica gratuíta, confirmando ou modificando, se é o caso, as decisións previamente adoptadas polos colexios profesionais.
  • Revisar de oficio as súas resolucións estimatorias cando concorran as circunstancias previstas na Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, para a revogación do dereito.
  • Revogar as súas resolucións firmes denegatorias do dereito de conformidade co previsto na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
  • Acordar o acceso ás bases de datos das administracións públicas e efectuar as comprobacións e solicitar a información de calquera tipo de administración, institución ou entidade que, ao longo da tramitación das solicitudes de asistencia xurídica gratuíta, se considere necesaria
  • Recibir e trasladar o órgano xudicial correspondente o escrito de impugnación das resolucións definitivas adoptadas pola comisión.
  • Tramitar as comunicacións relativas á insostibilidade da pretensión presentadas polos avogados.
  • Comunicar aos colexios profesionais as queixas ou denuncias formuladas como consecuencia das actuacións relacionadas cos servizos de asistencia xurídica gratuíta, naqueles casos en que tales iniciativas non se propuxesen directamente ante os colexios...

Indemnización por asistencias ás comisións

A asistencia ás reunións das comisións de asistencia xurídica gratuíta xera un dereito de indemnización, de acordo coas condicións establecidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

O abono das indemnizacións corresponde á Dirección Xeral de Xustiza.

Para saber máis...