A asistencia xurídica gratuíta é un dereito fundamental recoñecido pola Constitución Española e desenvolvido pola Lei Orgánica do Poder Xudicial. A regulación específica está establecida pola Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta.
O obxectivo desta normativa é regular un sistema de xustiza gratuíta que permita aos cidadáns que acrediten insuficiencia de recursos para litigar, proverse dos profesionais necesarios para acceder á tutela xudicial efectiva e ver axeitadamente defendidos os seus dereitos e intereses lexítimos.
O principal marco normativo do dereito de asistencia xurídica gratuíta en Galicia recóllese nas seguintes disposicións:
- O artigo 119 da Constitución Española de 1978, que presenta o seguinte teor: "A xustiza será gratuíta cando así o dispoña a lei e, en todo caso, respecto de quen acredite insuficiencia de recursos para litigar."
- A Lei 1/1996, de 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta (BOE nº 11, do 12 de xaneiro de 1996).
- O Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia (DOG nº 242, do 15 de decembro de 2008). Modificado polo Decreto 138/2012, do 21 de xuño (DOG nº 124, do 29 de xuño de 2012).
- O artigo 22 da Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, modificado pola Lei orgánica 8/2000, do 22 de decembro (BOE nº 307 do 23 de decembro de 2000).
- Real decreto lei 3/2013, do 22 de febreiro, polo que se modifica o réxime das taxas no ámbito da Administración de xustiza e o sistema de asistencia xurídica gratuíta (BOE nº 47, do 23 de febreiro de 2013).
- Orde do 24 de outubro de 2013 pola que se modifica a Orde do 21 de marzo de 2012 pola que se modifica a orde do 12 de febreiro de 2009 pola que se establece o modelo normalizado de solicitude de recoñecemento do dereito de asistencia xurídica gratuíta (DOG nº 221, do 19 de novembro de 2013). Corrección de erros DOG nº 79 do 25 de abril de 2012).