Asistencia xurídica gratuíta

A asistencia xurídica gratuíta é un dereito fundamental recoñecido pola Constitución Española de 1978, no seu artigo 24, que consagra o dereito de toda persoa a obter a tutela xudicial efectiva dos/as xuíces e tribunais no exercicio dos seus dereitos lexítimos, sen que, en ningún caso, poida producirse indefensión.

Así mesmo, o artigo 119 establece que a xustiza será gratuíta para os que acrediten insuficiencia de recursos para litigar. Todo cidadán que cumpra os requisitos poderá solicitar, nos termos establecidos pola normativa vixente, asistencia xurídica gratuíta nos procedementos xudiciais nos que estea interesado.

A xustiza gratuíta en España adminístrase de forma diferente en función da lexislación aplicable en cada comunidade autónoma. En Galicia, corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a coordinación das sete comisións de asistencia xurídica gratuíta, que son os órganos responsables de administrar o dereito aos cidadáns.